A III Marcha pola Memoria das Encrobas xunta máis de 200 persoas

III Marcha pola Memoria das Encrobas. Autor: Yoshimura Ramón

A mobilización, conformada por veciñanza, axentes sociais e artistas, reclamou un futuro digno e respectuoso co medio e cos veciños e veciñas a carón da central térmica de Meirama. A xornada estivo marcada pola lembranza da loita cidadá a través do encontro e da arte, así como pola necesidade de a manter no presente contra os diferentes proxectos de espolio medioambiental vivos no país.

A aldea da Lousa acolleu o pasado domingo 29 de setembro a III Marcha pola Memoria das Encrobas, na que participaron artistas, axentes sociais e representantes de plataformas cidadás medioambientais de diferentes puntos do país. Máis de 200 persoas acudiron a un evento de carácter lúdico-reivindicativo arredor da memoria das loitas labregas contra a ocupación das terras por parte de Unión Fenosa.

O acto contou cos versos das poetas Patricia Cambón, Ramiro Vidal e Laura Rei Pasadín, aos que se uniron os de María Rodríguez, natural das Encrobas, en boca das propias veciñas. A parte musical veu da man de Xosé Luís Rivas (Mini), Zeltia Irevire e Peter Brea, así como das pandeireteiras das Encrobas, agrupacións musicais da Pontraga, o Reverendo Can e os Gaiteiros de San Martiño.

Loita viva

Após 42 anos dos primeiros enfrontamentos entre o pobo e a Garda Civil, non se trata só de lembrar o acontecido. O exemplo do pasado lévanos cara ao futuro, como demostra a Rede de Plataformas Medioambientais Compostela-Ulla-Tambre, cuxos representantes alzaron de novo o berro de “aire, auga e terra limpas” contra os diferentes proxectos empresariais agresivos co territorio (megaminaría, eólicos en lugares non axeitados, vertedoiros irregulares...) que comprometen o futuro económico e social de Galiza.

O encontro serviu, deste xeito, para abrir un debate sobre a recuperación dos espazos mineiros, coa vista posta na posibilidade de que se instale unha planta de biogás na zona. Neste senso, reclamouse que os terreos da antiga mina, actualmente ocupados pola central térmica de Meirama, unha vez pecha e desmontada, sexan devoltos en condicións óptimas para uso público e a realización de actividades sustentábeis, respectuosas co medio ambiente e cunha veciñanza que leva demasiados anos padecendo todo tipo de agravios e contaminación por mor da explotación industrial.

As persoas participantes incidiron especialmente na necesidade de lembrar as ocupacións e como as expropiacións da contorna se levaron a cabo, reclamando que siga viva a loita polos dereitos da xente da Lousa, sobre todo ante a incerteza que trae o peche da central térmica e a ameaza de novos proxectos industriais que poderían afectar a comarca, considerada pola plataforma Salvemos a Comarca de Ordes como un “territorio de sacrificio”.