Memoria viva das Encrobas

Este domingo, 29 de maio, terá lugar a III Marcha pola Memoria. Veciñanza e representantes da cultura e de colectivos sociais participan nunha xornada na que se presentará un fanzine sobre a loita das Encrobas e un libro sobre a figura de Moncho Valcarce.

“A xente estaba cansa de que fixeran deles un pandeiro. Era chegar e encher. A xente cansou e resultou que as Encrobas foi un punto de referencia para que a xente dixese "ata aquí chegamos". Así falaba nunha entrevista con Sermos Galiza Xosé Castro, que fotografou aquela revolta que deixou imaxes icónicas: mulleres, labregas, facendo fronte á Garda Civil.

Este domingo unha marcha volverá lembrar aquela loita e homenaxear a veciñanza que deu a cara fronte a un Estado e unha poderosa empresa para defender as súas terras, o territorio. Organizada por veciños e veciñas das Encrobas coa participación da Irmandade Moncho Valcarce e a rede de plataformas Compostela-Ulla e O Tambre.

Para alén da lembranza, a marcha tamén quer tecer unha rede coas loitas que agora, en pleno século XXI, se fan na defensa do territorio fronte a proxectos de megaminaría, eólicos...

Este ano a marcha non decorre pola contorna da mina senón polo entorno da central térmica, para sinalar o impacto que tivo e ten. “Denunciamos o desleixo e falta de información e debate sobre a recuperación pública de parte dos terreos expropiados para o fin que xa cesou e esiximos o desmantelamento total da central e o parque de carbón, limpeza e descontaminación da zona así como a recuperación de espazos para as veciñas e vecinos”, indican nun comunicado.

Haberá tamén actuáis musicais, recitais de poesía. E presentarase un fanzine sobre a loita das Encrobas e un libro sobre a figura de Moncho Valcarce. coordinado polo recentemente finado Ramón Múñiz (activista cos veciños e veciñas nos anos 70) e membro da Irmandade Moncho Valcarce. O libro conta con textos de Felípe Senén, Margarita Ledo, María Pilar García Negro, Vitorino Pérez Prieto ou Xácome Santos e titúlase Moncho Valcarce, un dos inesquecibles.