Galiza rexistrou o pasado ano o maior número de feminicidios desde 1999

A secretaria xeral entregou ao presidente do Parlamento o informe anual que sitúa Galiza como terceiro territorio do Estado español con máis asasinatos machistas. 

Oito mulleres asasinadas en 2015 sitúan o noso país como o terceiro territorio do Estado español en número de feminicidios por detrás de Catalunya (12) e Andalucía (10). No 2014 foran asasinadas, segundo os dados oficiais, 6 mulleres o que deixaba o país, xunto co País Valenciá, no cuarto lugar. 

O número de feminicidios de 2015 é o máis elevado de toda a serie histórica recollida pola Secretaría Xeral de Igualdade. Isto é, desde 1999. 

Só Marina R.B., asasinada en Mos o 29 de decembro presentara denuncia 

Así o recolle o Informe anual elaborado pola Secreataría Xeral de Igualdade através dos dados fornecidos polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e a Delegación do goberno español para a violencia machista. 

No concreto trátase de dúas mulleres máis que en 2014. Porén, as estatísticas unicamente recollen as agresións que se producen no marco dunha relación de parella --estiver ou non rematada. De entre elas, só Marina R.B. (Mos) presentara denuncia previamente. 

O Consello Xeral do Poder Xudicial cifra en 14 denuncias diarias os casos de violencia machista na Galiza en 2015

De acordo co Consello Xeral do Poder Xudicial o pasado ano foron solicitadas 1.564 ordes de protección e 5.210 o número de denuncias presentadas. É dicir, 14 cada día. 

Tres mulleres en risco extremo

Da mesma maneira, os casos de violencia machista que permanecen activos con data do 31 de decembro de 2015 de acordo co Sistema de seguimento integral VioGén, dependente do goberno español, son 2.934 dos que a maioría son catalogados como "risco non apreciado", en total 1978. Nun nivel "baixo" atópanse 727 mulleres, 216 cun "risco medio", 10 como "alto" e 3 como "extremo". 

No que vai de ano foi asasinada Ana Gómez o 11 de febreiro en Becerreá  e rexistrouse un intento de asasinato machista con arma de fogo nas Pontes. Aliás, mantéñense abertas as investigacións polos crimes de Porto do Son e unha agresión en Ourense. Neste último caso o home permanece en prisión provisional.