Igualdade non explica que fallou na protección de Isabel Fuentes

López Abella [Imaxe Xunta]

A secretaria xeral escúdase no segredo de sumario para non dar conta dos fallos nos mecanismos que terían que ter evitado o feminicidio do CHUOU. O xerente do Sergas di que hospital "non constaban sospeitas" de violencia machista.

 

Nen o vice-presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, nen tampouco a secretaria xeral de Igualdade, López Abella, explicaron que foi o que fallou para que Aniceto Rodríguez asasinara a Isabel Fuentes nas instalacións do hospital público de Ourense. 

En resposta á pregunta formulada pola deputada do BNG, Carme Adán, na comisión de Sanidade do Parlamento de Galiza, Susana López Abella escudouse no "segredo de sumario" para non dar conta dos erros cometidos na aplicación dos protocolos recollidos na Lei Orgánica de prevención e tratamento integral da Violencia machista e na propia lexislación galega. 

Adán apoiou a súa intervención no "relatorio" achegado polas directoras dos Centros de Información á Muller (CIM) na Cámara hai unha semana e no que advertiron --ao fío do feminicidio de Ourense-- da "relaxación dos operadores xudiciais" en materia de violencia machista, do "retroceso na percepción do problema" e no incumprimento da propia lexislación, como puxo en evidencia o asasinato de Isabel Fuentes. 

Carme Adán (BNG): "A vida, tristemente, non se lle pode devolver a Isabel mais si podemos tentar que isto non se repita"

"A vida, tristemente, non se lle pode devolver a Isabel mais si podemos tentar que isto non se repita", sinalou Adán, instan a secretaria xeral de Igualdade a debullar "que aconteceu" no CHUOU logo de que a Garda Civil solicitase a intervención xudicial e a aplicación de medidas cautelares para protexer a Fuentes perante a sospeita de que o seu ingreso hospitalarío respondía a unha agresión machista de Aniceto Rodríguez. 

Porén, López Abella limitouse a relatar as actuacións da Secretaría Xeral de Igualdade após o asasinato de Isabel. A súa personación como acusación popular no proceso xudicial aberto e o seu "compromiso" no esclarecemento do acontecido. "O caso está baixo segredo de sumario", sinalou para non mencionar a cronoloxía dos acontecementos. "Pído respecto para a investigación, para a familia e para a propia vítima". 

A deputada do BNG insistiu na necesidade de que se rindan contas perante unha posíbel "neglixencia xudicial" e a "relaxación" dos axentes implicados na protección das mulleres en situación de violencia". "Este caso ten que ser un punto e aparte", subliñou. "As leis foron un paso adiante mais se non hai implicación é imposíbel que exista un verdadeiro sistema de protección", acrecentou mentre lembrou a campaña 'Paremos o feminicidio' lanzada desde o movemento feminista. 

"Vemos que algo está fallando", chegou a recoñecer López Abella, mais non explicou o que. 

O xerente do Sergas di que o hospital non sospeitaba
dun caso de violencia machista

En comisión parlamentar, Antonio Fernández Campa, asegurou que Isabel Fuentes foi tratada como vítima dun roubo. De existir algún indicio, dixo, teríanse adoptado medidas como a "limitación de acceso nas visitas". 

O xerente do Sergas respondeu así á pregunta formulada pola deputada Carmen Acuña (PSOE). Afirmou que "non constaban sospeitas" de que se tratase dun caso de violencia machista e que, polo tanto, non se dispuxeron medidas de protección por parte da dirección do CHUOU. 

A parlamentar socialista criticou na súa intervención que a "ideoloxía conservadora" supuxese un "retroceso no camiño da igualdade" mais para o alto cargo da Xunta  "estes actos de barbarie" supoñen "un fracaso de toda a sociedade" e "non dunha forza política".