Seminario

Ignacio Ramonet analiza na USC as chaves da xeopolítica actual

O xornalista Ignacio Ramonet. (Foto: Editions Galilée vía Wikimedia Commons)
Acontecementos recentes que ocasionaron un forte impacto no mundo como a pandemia do coronavirus ou a guerra en Ucraína serán algúns dos eixos do seu relatorio.

Baixo o título O mundo en 2023: anatomía dunha policrise, o xornalista e doutor honoris causa pola USC Ignacio Ramonet impartirá en Santiago esta quinta feira, día 25, un seminario sobre xeopolítica no que profundará nas consecuencias de sucesos recentes como a pandemia da Covid-19 ou a guerra en Ucraína. Será ás 12 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, con entrada de balde.

O seminario está organizado polo grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago e pretende "explicar e clarificar a actual ecuación xeopolítica mundial nas súas diversas arestas", así como presentar unha "grella de lectura documentada dos acontecementos en curso".

Neste foro abordaranse cuestións como, precisa a organización, "as sacudidas que ocasiona, na esfera económica, a fin da globalización, sen que o capitalismo teña unha proposta de substitución; así como o envite que trae consigo a delicuescencia e descomposición do sistema internacional, empezando pola ONU".

Cambio climático, masivas migracións humanas, ou os impactos imprevistos das rápidas innovacións tecnolóxicas no campo da comunicación de masas, das redes sociais, da intelixencia artificial, do cálculo cuántico e da vixilancia xeralizada, completan a listaxe de temas obxecto de análise.

Ignacio Ramonet é doutor en Ciencias Sociais por l'École des Hautes Études en Sciences Sociais de París (Francia), director da revista Le Monde diplomatique en español, profesor de Teoría da Comunicación na Universidade de París VII e doutor honoris causa por cinco universidades internacionais, entre elas a de Santiago.

Especialista en Xeopolítica e Estratexia Internacional, a figura poliédrica de Ramonet abrangue tamén o rol de consultor da ONU, fundador do Foro Social Mundial e creador do seu lema 'Outro Mundo é Posíbel', fundador da ONG Media Watch Global ou fundador e presidente de honra de Attac.

Ao longo da súa prolífica traxectoria profesional recibiu numerosas distincións e recoñecementos, entre eles varios de Xornalismo —o Rodolfo Walsh, de Arxentina; o Antonio Asensio, do Estado español, e o Feliz Elmuza, de Cuba—; a Medalla de Ouro do Senado francés, e o recoñecemento (Proclamation) do Senado e da Cámara de Representantes dos Estados Unidos "polas súas extraordinarias achegas como escritor, catedrático, xornalista e crítico".