O Oceanográfico de Vigo comeza o estudo da biomasa de sardiñas e xardas

O buque 'Miguel Oliver', onte. (Foto: IEO)
O Instituto analizará as poboacións de varios peláxicos no Atlántico.

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) levará a cabo ao longo do mes de abril dúas campañas de investigación para recopilar a información que permitirá estimar a biomasa das poboacións de sardiña, xarda, xurelo ou anchoa, entre outras especies.

En concreto, as campañas Pelacus e Sareva comezarán en Vigo con dous días de diferenza a bordo dos buques Miguel Oliver e Vizconde de Eza da Secretaría Xeral de Pesca.

Concluída a campaña Pelago 23, que coordina o Instituto Portugués do Mar e da Armosfera (IPMA), o IEO toma o relevo coa campaña Pelacus, que se levará a cabo do 8 ao 30 de abril e que permitirá estimar a biomasa das primeiras especies de peláxicos no noroeste peninsular e cartografar a súa área de distribución mediante métodos acústicos, un sistema que permite relacionar a intensidade do eco co número de peixes detectados pola sonda.

O IEO lembrou que de forma sistemática e anual, desde finais dos anos 80, realiza xunto ao IPMA o estudo e avaliación da biomasa das poboacións de peixes peláxicos da fachada atlántica e golfo de Bizkaia da Península Ibérica. Neste sentido, explicaron que a biomasa da poboación de sardiña estase a recuperar desde 2019 e, este ano, espérase a confirmación do "bo recrutamento de 2022".

É dicir, "de sardiña nacida o ano pasado e que foi avaliada na campaña Iberas a bordo do buque Ángeles Alvariño en setembro, o que fai prever un importante incremento da abundancia desta especie", indicou o investigador do IEO e xefe da campaña, Pablo Carrera.

A iniciativa compleméntase con Sareva, que comeza tamén en Vigo o 10 de abril e na que participa persoal investigador e técnico dos Centros Oceanográficos de Vigo, Santander, A Coruña, Baleares, Canarias e Xixón do IEO.