A policía identifica 6 militantes do BNG por despregar bandeiras nacionalistas ao paso de La Vuelta

Axentes da policía española retiveron e identificaron a 6 militantes do Bloque cando quixeron despregar bandeiras nacionalistas nun tramo da volta ciclista. 

 

Desde o Bloque Nacionalista Galego denuncian "o escándalo" que supoñen as seis identificacións acometidas por axentes da policía española esta cuarta feira na Coruña ao paso de La Vuelta ciclista. A militancia nacionalista foi retida e identificada por "portar simboloxía nacionalista", segundo informaron fontes da organización frontista a Sermos Galiza

Desde o Bloque chaman a "toda a cidadanía galega a exhibir os símbolos nacionais" para "amosar que Galiza existe e que é unha nación". Aliás, critican que se "vulnere o dereito á liberdade de expresión" d@s nacionalistas mentres "se permite a exhibición de bandeiras españolas" e outros materiais. "Viñeron directamente a pola nosa militancia". 

Pola súa banda, Causa Galiza denunciou publicamente a identificación e agresión dun militante da organización na Coruña cando tentaba pendurar unha faixa no paso de La Vuelta. 

Así mesmo, desde o BNG denuncian a campaña publicitaria desenvolvida pola Deputación da Coruña para promocionar a competición ciclista e que tamén foi criticada desde A Mesa pola Normalización Lingüística. O órgao provincial "empregou fondos públicos para usar termos ilegais" como Puentedeume. "Denunciamos que se exclúa a nosa lingua", afirmou Bieito Lobeira, secretario de organización do Bloque quen avanzou que levarán o acontecido ao pleno da Deputación e darán a coñecer a cantidade de fondos públicos investidos na campaña. 

Noutro dos tramos desta primeira tirada de La Vuelta en Galiza, militantes do BNG da comarca de Ferrol despregaron unha bandeira xigante ao paso do pelotón ao tempo que unha ducia de nacionalistas portaban bandeiras. Nesta ocasión a policía española non actuou.