Saúde

Día Mundial do Ictus, primeira causa de discapacidade en adultos e de morte en mulleres

Xornada de sensibilización e prevención do ictus, principal causa de dano cerebral, nos Tilos, Teo, a cargo da Asociación Sarela. (Foto: Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela).
A Galiza rexistra máis de 7.000 casos de ictus ao longo dun ano. É unha enfermidade frecuente que pode chegar a ser moi grave, xa que a metade das persoas afectadas falece ou fica con algunha secuela. Este 29 de outubro conmemora o seu día mundial.

O ictus é, xunto ao infarto de miocardio e a septicemia, unha das tres grandes urxencias médicas nas que o tempo é determinante para o prognóstico das pacientes. Unha intervención precoz e especializada dos servizos médicos reduce a probabilidade de morte ou de sufrir secuelas permanentes. "O ictus, ademais de ser unha doenza moi frecuente, é a principal causa de discapacidade en persoas adultas e a primeira causa de morte entre as mulleres", explica a Nós Diario Manuel Rodríguez Yáñez, responsábel da unidade de ictus da área sanitaria de Santiago de Compostela e O Barbanza.

En 2012, a incidencia do ictus superaba para o conxunto do Estado os 180 casos por cada 100.000 habitantes. O informe Iberictus apuntaba un incremento de 30% para o conxunto do Estado español entre 2015 e 2035. Un estudo posterior do Grupo de Enfermidades Vasculares da Sociedade Española de Neuroloxía a partir dos pacientes ingresados en unidades especializadas elevou en 2019 esa incidencia até os 237 casos por cada 100.000 habitantes, "o que evidencia un incremento de 27% da incidencia en só sete anos", concreta Mar Castellanos, xefa do servizo Servicio de Neuroloxía del Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

"As previsións estanse cumprindo. Cada vez temos máis ictus, tamén na Galiza, onde se rexistra unha das incidencias máis altas, entre outros motivos porque temos unha das poboacións máis envellecidas do Estado", explica a profesional.

Se vixiásemos os factores de risco de forma adecuada poderiamos diminuír a incidencia do ictus un 90%

A idade é un factor de risco asociado á aparición de ictus pero "quen nos dedicamos a esta patoloxía vemos que está aumentado o número de pacientes que novos". A OMS advertiu en 2022 que 60% dos casos rexistrados a nivel mundial afectaban a persoas de menos de 70 anos.

Prevención

Castellanos chama atención sobre o control doutros factores de risco "modificábeis" tamén asociados ao ictus. "Se os vixiásemos de forma adecuada poderiamos diminuír a incidencia do ictus un 90%". O factor máis importante a controlar, salienta, é a hipertensión arterial; mais tamén o colesterol alto, o sedentarismo, ligado á obesidade, o tabaquismo, o consumo excesivo de alcol e a diabetes.

A prevención e control destes determinantes da saúde, aos que Rodríguez Yáñez suma algunhas arritmias como a fibrilación auricular, "axudará a diminuír a probabilidade de sufrir un ictus". O máis habitual, di, é o ictus isquémico, que consiste nunha obstrución dos vasos sanguíneos. "Tapónase unha arteria no cerebro e deixa de recibir sangue, polo que se actúa rápido esa zona afectada acaba morrendo". Representa 80% dos casos. O ictus hemorráxico, 20% restante. "En vez dunha oclusión, prodúcese unha rotura dun vaso que libera sangue ao cerebro, que tamén ocasiona danos".

Nos últimos anos, apunta Manuel Rodríguez Yáñez, as posibilidades terapéuticas aumentaron e as máis avanzadas van ligadas ao tratamento do ictus isquémico. "Mais para moitas terapias específicas a principal limitación que temos é o tempo".

Os beneficios van ser maiores canto máis axiña interveña o persoal médico. "Temos un fármaco moi efectivo que se administra por vía intravenosa que só podemos usar no prazo de catro horas e media desde que aparecen os primeiros síntomas, e canto antes, mellor vai ser a resposta". Para os casos en que non estea indicado, engade o neurólogo, existe a posibilidade dunha intervención "que permite extraer o trombo e recuperar a circulación do sangue na arteria obstruída mediante un cateterismo".

Forza, fala e faciana

En calquera caso, o tempo é clave. Cómpre unha intervención áxil que impida que as lesións se estabelezan e sexan irreversíbeis, polo que identificar os síntomas do ictus e trasladar sen demora o paciente ao hospital é esencial. Os signos de alarma varían, dependen da parte do cerebro alterada. "Hai a quen lle produce unha perda de forza nunha parte do corpo, a quen lle causa perda de sensibilidade, rixidez ou desviación da boca, alteracións visuais, da fala".

Son danos cerebrais que moitas veces persisten superada a fase aguda. Nese caso, advirte Rodríguez Yáñez, os pacientes precisarán dun programa de rehabilitación co obxectivo de reducir as secuelas e evitar recorrencias, "xa que o ictus ten risco de se repetir". O custo sanitario, persoal, familiar e laboral e altísimo. En 2019 estimouse, por paciente e ano, en case 28.000 euros.