Saúde

Os casos de ictus aumentarán 34% na próxima década: Cales son os síntomas? Como se pode previr?

A dor de cabeza intensa é un dos síntomas do ictus. (Foto: Nós Diario)
Estímase que no presente ano, en todo o mundo, uns 12 millóns de persoas sufrirán un ictus, e a metade delas falecerán por esta enfermidade.
  1. Incidencia
  2. Síntomas
  3. Factores de risco
  4. Prevención

Na próxima década aumentarán até 34% os casos de ictus, segundo alerta esta quinta feira a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) con motivo da celebración, este sábado día 29, do Día Mundial do Ictus, que é a segunda causa de morte e a segunda causa deterioración cognitiva na poboación adulta.

"O ictus prodúcese como consecuencia da alteración do fluxo sanguíneo que chega ao cerebro. En máis de 80% dos casos, a causa é a obstrución dalgún dos vasos que fornecen sangue ao cerebro, xeralmente por un coágulo. É o que se denomina ictus isquémico. Mais tamén pode producirse pola rotura nalgún destes vasos, o que chamamos ictus hemorráxico. Con todo, independentemente do tipo de ictus que se padeza, sempre estaremos a falar dunha urxencia médica, porque canto máis tempo pase sen fluxo sanguíneo unha zona do noso cerebro, maiores serán as consecuencias", explicou a coordinadora do Grupo de Estudo de Enfermidades Cerebrovasculares da SEN, Mar Castellanos.

Incidencia

Este ano, en todo o mundo, 12,2 millóns de persoas sufrirán un ictus, e 6,5 millóns —máis da metade—, falecerán por esta enfermidade. Aliás, estímase que máis de 110 millóns de persoas que sobreviviron a un ictus viven con discapacidade.

Só no conxunto do Estado español, con base nos mesmos rexistros da SEN, unhas 110.000 persoas sofren un ictus cada ano, das cales, cando menos, 15% falecen. E, entre os sobreviventes, arredor de 30% queda en situación de dependencia funcional. O ictus é a primeira causa de mortalidade para as mulleres do Estado, a segunda entre os homes e a primeira causa de discapacidade tanto en homes como en mulleres.

Síntomas

O ictus é unha emerxencia médica porque é unha enfermidade tempo-dependente, é dicir, canto máis temperá sexa a súa detección, o acceso ás probas e ao tratamento, maior será a probabilidade de sobrevivir a esta enfermidade e maior tamén a de superala sen secuelas importantes. Porén, malia estimarse que unha de cada catro persoas en idade adulta sufrirá un ictus ao longo da súa vida, a nivel estatal só 50% da poboación sabería recoñecer os síntomas desta doenza.

Estes signos pasan pola perda brusca de forza ou sensibilidade nunha parte do corpo; alteración brusca na linguaxe, con dificultades para falar ou entender; alteración brusca da visión, como perda de visión por un ollo, visión dobre ou perda da visión nalgún lado do noso campo visual; perda brusca da coordinación ou o equilibrio, e dor de cabeza moi intensa e diferente a outras dores de cabeza máis habituais.

"Os síntomas do ictus xeralmente prodúcense de forma brusca e inesperada e, malia que habitualmente os pacientes adoitan experimentar varios destes síntomas, só con identificar un deles é motivo suficiente para que se chame ao 112. Mesmo aínda que os síntomas desaparezan aos poucos minutos, hai que acudir a Urxencias. Por esa razón, e por segundo ano consecutivo, a campaña do Día Mundial do Ictus está centrada en que organizacións de todo o mundo sumemos forzas para tratar de aumentar o coñecemento que a poboación ten sobre os seus síntomas, porque reaccionar a tempo é esencial para sobrevivir ou para non sufrir unha discapacidade por esta enfermidade", dixo Castellanos.

Factores de risco

Da mesma forma que é importante recoñecer os síntomas , é tamén moi importante a prevención desta enfermidade. Aínda que a incidencia dos ictus aumenta significativamente coa idade, máis de 60% ocorren en persoas menores de 70 anos, e 16% en persoas menores de 50 anos.

É dicir, malia que a idade sexa un factor de risco que non se pode modificar, tamén inflúen outros factores. O factor de risco máis importante para a aparición de ictus é a presión arterial alta, mais tamén outros como o tabaquismo, a inactividade física, a dieta pouco saudábel, a obesidade, o consumo de alcol excesivo, a fibrilación auricular, os niveis elevados de lípidos en sangue, a diabetes mellitus, a xenética ou o estrés.

Prevención

A maioría destes factores de risco son modificábeis e estímase que só controlando de forma axeitada eses factores modificábeis poderíase previr até 90% dos casos de ictus.

"A prevención é moi importante, non só porque é algo que está nas nosas mans, senón porque, de non facelo, estimamos que na próxima década podería producirse un aumento de 34% no número de ictus, un incremento de 45% de mortes por ictus e un aumento de 25% no número de sobreviventes de ictus con discapacidade en Europa. Confiamos en que días como este sirvan para aumentar o coñecemento sobre esta enfermidade e que plans como o Plan de Acción Europeo contra o Ictus, ao que se adheriron recentemente o Ministerio de Sanidade e a SEN, tamén axuden a pór freo a esta enfermidade", resolveu a doutora Castellanos.