Iberdrola agochou as súas tarifas reguladas de luz e gas para evitar o acceso a prezos máis baratos

Factura de Iberdrola. (Foto: Nós Diario)
A compañía eléctrica modificou o código fonte da web de Curenergía para que non aparecese nas buscas de Internet.

Esta semana desvelouse que Iberdrola configurou a páxina web de Curenergía, a súa comercializadora de luz e gas baixo a tarifa regulada, para que esta non fose visíbel nos motores de busca e dificultar o acceso de usuarios e usuarias a prezos da enerxía máis baratos.

Tal e como explicou na súa conta de Twitter o avogado Samuel Parra, o primeiro en dar a coñecer esta información, a compañía eléctrica modificou o código fonte da web de Curenergía para que buscadores de Internet “como Google non indexe ningún contido desa web, polo que desaparece das buscas”.

Sobre o motivo que podería ter Iberdrola para intentar evitar que a poboación chegase a esta páxina, Parra asegurou que se trata dunha cuestión puramente económica. “O prezo do gas en Iberdrola é de 0,185 €/kWh, mentres que en Curenergía (tarifa regulada TUR) está agora mesmo en 0,069 €/kWh, case tres veces máis barato”, detallou o letrado.

Horas despois de que a denuncia saltase nas redes sociais e se fixese viral, o propio Samuel Parra afirmou que Iberdrola anulara a modificación no código fonte da páxina web de Curenergía para que esta volvese ser visíbel. “Agora si aparecerá nos resultados de busca”, engadiu.

Cruzada contra a tarifa regulada

Ademais, o avogado tamén denunciou que, co obxectivo de pór aínda máis trabas a consumidores e consumidoras, o prezo da tarifa regulada de Curenergía emprega unha unidade de medida distinta á da páxina web de Iberdrola.

Mentres o prezo na páxina da compañía enerxética móstrase en €/kWh -por exemplo, 0,185766 €/kWh-, o que se pode ver na web de Curenergía aparece representado en céntimos/kilowatt hora. Neste caso, o prezo que dá a comercializadora de tarifa regulada é de  6,918727 cent/kWh. Todo “para que dea a sensación que é máis caro”, lamentou Parra.

Este episodio chega despois de que varias asociacións de consumo denunciasen que as grandes empresas eléctricas do Estado español están a pór diferentes impedimentos para intentar evitar que as persoas usuarias pasen á tarifa regulada TUR.

O propio presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, insultou o pasado mes de maio as persoas que se acollen a esta tarifa, cualificándoas como "parvas".