Medio Ambiente

'Humidais para a vida': Ecoloxistas en Acción cataloga zonas húmidas para as que pide "protección urxente"

Moitos ríos nacen e discorren polas montañas da serra da Groba. (Foto: Roberto Regatos)
O colectivo ambientalista entregará á Xunta da Galiza un catálogo de humidais da provincia de Pontevedra co obxectivo de dotalos dunha figura de protección. Para iso deben previamente incluírse no Inventario que o Goberno mantivo tres lustros baleiro e no que o pasado marzo engadiu 400 zonas húmidas de entre as máis de 1.100 avaliadas polo Ibader.

O pasado mes de marzo a Xunta da Galiza incluíu as primeiras 400 zonas húmidas nun Inventario que mantivo baleiro durante tres lustros. Unha cifra insuficiente para os colectivos ecoloxistas, que xa daquela lembraban que o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) catalogou en 2017 "máis de 1.100" espazos naturais destas características.

Neste contexto enmárcase a campaña de concienciación 'Humidais para a vida', que Ecoloxistas en Acción impulsou o pasado ano, co obxectivo de "visibilizar que as zonas húmidas son indispensábeis para a vida polos innumerábeis beneficios ou 'servizos ecosistémicos' que brindan á humanidade", e que agora chega á súa segunda fase. A entidade presenta un catálogo de humidais da provincia de Pontevedra que acompaña un informe sobre os que precisan "urxentemente" unha figura de protección, entregarase á Xunta para solicitar a inclusión no Inventario de Zonas Húmidas da Galiza, como paso previo a súa posterior declaración de zona protexida, pois para que un destes espazos poida ser declarado humidal protexido debe estar previamente incluído no citado Inventario.

Ecoloxistas en Acción ve "esencial" garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos dos humidais e "proceder a restaurar as funcións ecolóxicas e os servizos ecosistémicos daqueles que foron degradados polas accións antrópicas", isto é, derivadas da acción humana, entre os que menciona os plantíos forestais, a agricultura intensiva, a instalación de parques eólicos e a explotación de minas.

"Un estudo tras outro demostra que a superficie e a calidade dos humidais seguen diminuíndo ano tras ano na maioría de rexións do mundo. En consecuencia, os servizos dos ecosistemas que os humidais proporcionan ás persoas atópanse en perigo. A perda e degradación dos humidais tradúcese nun enorme impacto social e económico como, por exemplo, o aumento do risco de inundacións, diminución da calidade da auga, ademáis de impactos sobre a saúde, a identidade cultural e os medios de subsistencia", advirte Roberto Vilela, portavoz da organización.

Zonas catalogadas

No marco desta campaña de sensibilización, Ecoloxistas en Acción cataloga numerosas zonas húmidas que van desde os montes de Sabucedo até a serra da Groba, pasando por outros lugares tamén ricos en biodiversidade como Amil ou a serra do Suído.

Cerdedo-Cotobade. Sabucedo

No concello de Cerdedo-Cotobade, entre as comarcas de Pontevedra e Terra de Montes, desde Ecoloxistas salientan o "interesantísimo complexo de brañas na zona da Chan do Caveiro", nas parroquias de Caroi e Loureiro, "onde nacen os regatos que forman o río Almofrei". E na parroquia de Corredoira, no Outeiro Raposo falan tamén de "varias brañas que alimentan o Rego dos Cabaleiros". Nestas áreas de humidais, afirman, atópanse hábitats de interese comunitario.

Serra da Groba. Alto da Groba

"Varios son os ríos que nacen e discurren polas montañas da serra da Groba, formando angostos vales, pozas e rápidos, como as de Mougás o de Loureza", salienta o colectivo, que destaca o río Groba, o Tamuxe, o Carballas ou o rego Mougás. Todos eles nacen de humidais "menos coñecidos pero de vital importancia para o ciclo da auga", aseguran. O cumio conta con varias hectáreas de distintos brezais húmidos atlánticos de zonas tépedas como Erica ciliaris e Erica tetralix. A Groba abrangue os concellos de Baiona, A Guarda, Oia, Gondomar e Tomiño, entre as comarcas do Baixo Miño e Vigo.

A Lama. Dorsal galega

Na Dorsal galega, que percorre o interior do país polo centro e concellos como o da Lama (comarca de Pontevedra), pódense atopar "altiplanos erosionados con poucas altitudes máximas por enriba dos 900 metros", que forman unha barreira que recolle "un gran volume de precipitacións atlánticas". Aquí, explican as ecoloxistas, predominan brezais, matogueiras e turbeiras de covertor. "Todo o monte está pragado de hábitats prioritarios de gran valor que fan que as serras case na súa totalidade deberían estar protexidas", advirten.

Forcarei. Campo das Antas

Próximo ao termo municipal de Forcarei (Terra de Montes) atopamos as Eiras dos Mouros, unhas lagoas estacionarias que, ao abeiro dos achados arqueolóxicos, "poden ser de orixe artificial coa mesma antigüedade que a necrópolis existente", asegura a entidade. A zona é unha extensión de terreo dunhas 200 hectáreas de brezais atlánticos con algunha turbeira e onde atopamos tamén nacementos de distintos regos, como o dos Ladros. "Todas as aldeas próximas a esta ubicación abastécense de mananciais que nacen deste monte", salientan.

A Estrada. Barranco das Brañas

Sen saír da Terra de Montes, no concello da Estrada atopamos "un complexo de turbeiras abraiantes, tanto polo seu tamaño como polo seu estado de conservación", próximas ao Barranco das Brañas. "Cobra grande importancia", afirman, a captura de CO2 en forma de materia orgánica, "axudando así a loitar contra o cambio climático. Contan, ademais, cunha gran diversidade de especies, entre as que se encontran moitas cun elevado valor biolóxico e ambiental, como a Lycopodiella inundata —en perigo de extinción—, algúns Sphagnum, plantas carnívoras, o algodón de turbeira ou o Narthecium ossifragum, entre outros", precisan.

Covelo. Serra do Suído

Nos cumios serra do Suído que pertencen a Covelo (A Paradanta) atopamos unha "cantidade inmensa" de brezais atlánticos sen catalogar. Identifícanse teselas con hábitats naturais prioritarios "como o '4020 Breixeiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix'". Nesta zona, afonda Ecoloxistas, hai "turbeiras enormes de gran valor ecosistémico" que fan destes cumios "unha zona que debería ter as máximas proteccións dado que,como ocorre na maioría dos humidais de montaña, destes nacen regos de vital importancia como pode ser o Oitavén", que abastece de auga unha cidade como Vigo.

Moraña e Barro. Pastizal de Amil

Entre os concellos de Barro (comarca de Pontevedra) e Moraña (Caldas) as ecoloxistas identifican unhas turbeiras dunhas 24,2 hectáreas que forman parte do conca do río Rons, que abastece o encoro de Pontillón do Castro. "Este sistema, a pesar de contar cunha gran transformación polo exceso de carga gandeira, desenvólvese inicialmente como unha paraturbeira oligotrófica que, vai evolucionando cara un tremoal oligotrófico RN-THIC 7140, con potencias de turba superiores aos 75 centímetros", explican. Próximo ao pastizal de Amil atopamos zonas de Rede Natura 2000, "o que fai que a falta de protección neste lugar rompa coa conectividade ecolóxica coa Rede Natura".