'Humidais para a vida', a campaña de Ecoloxistas en Acción para protexer estes valiosos espazos naturais

Brañas do Monte Inxerio. (Foto: Nós Diario)
Desde 2008 só se protexeu a zona húmida do parque nacional das Illas Atlánticas.

Ecoloxistas en Acción vén de lanzar a campaña de sensibilización 'Humidais para a vida', a través da cal pretende concienciar a poboación sobre "a importancia das zonas húmidas e as agresións ambientais que sofren constantemente", malia seren "zonas de alto valor ecosistémico".

As zonas húmidas, afirma a organización, son "indispensábeis" polos "innumerábeis beneficios ou servizos ecosistémicos que brindan á humanidade, desde subministración de auga doce, alimentos e biodiversidade até o control do aumento do caudal dos ríos, recarga de augas subterráneas e mitigación do cambio climático".

En declaracións a Nós Diario, Roberto Vilela, portavoz de Ecoloxistas en Acción, explica que na Galiza hai moitas zonas húmidas "que están en risco pola proximidade de prospeccións mineiras, plantacións de eucaliptos e mesmo en zonas que figuran en proxectos eólicos".

Isto débese a que o Inventario de Humidais da Galiza, creado pola Xunta en 2008, só incluíu neste tempo unha única zona húmida con réxime de protección: o parque nacional das Illas Atlánticas.

Desde 2003, porén, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) tiña elaborado un inventario propio con "máis de 1.100 humidais galegos", subliñan desde Ecoloxistas.

En consecuencia, e no marco desta campaña, presentan un catálogo de zonas húmidas "avaliadas en catro fases distintas, unha para cada provincia". Na primeira fase ponse o foco nos humidais coruñeses que requiren de protección.

O inventario do Ibader catalogaba en 2003 máis de 1.100 zonas húmidas no país

Trátase das Brañas do Ceo (Aranga, Curtis e Oza Cesuras), as Brañas de Valadares e Banzas (Outes), as Brañas da Serra (Santa Comba e Coristanco), as Brañas do Monte Inxerio (Ordes), as Brañas da Calzada (Zas), as Brañas do Espindro (Laracha), e as Brañas do Torreiro (Culleredo e Cerceda).

O obxectivo é, precisamente, pór en valor estes espazos naturais para lograr a súa catalogación e o consecuente réxime de protección. "A perda e degradación dos humidais tradúcese nun enorme impacto social e económico como, por exemplo, o aumento do risco de inundacións e diminución da calidade da auga, alén de impactos sobre a saúde, a identidade cultural e os medios de subsistencia", insisten desde o colectivo.