Hoteis e albergues poden ofertar o 100% das súas prazas e 'buffet' libre e volven os cócteles de empresa

Unha pensión en Allariz (Imaxe: Europa Press)

Galiza inicia este sábado o camiño cara á "normalidade absoluta", un novo escenario no que, en todo caso, pervivirán elementos como a máscara. Con todo, esta fin de semana xeneralízanse as ocupacións máximas do 90% en interiores e o sector turístico, que ten por diante a ponte de outubro, poderá ofertar no caso de hoteis, albergues e estabelecementos hostaleiros o 100% das súas prazas, así como ofrecer buffet aos seus clientes. Ademais, volven os cócteles e aperitivos nos eventos laborais.

Os hoteis non tiñan restricións no número de prazas, só no caso das zonas comúns, que poderán desde este sábado encherse até o 75% da súa capacidade. Os albergues poderán manter a ocupación máxima dos espazos de aloxamento sempre que os peregrinos realicen o Camiño en todas as súas etapas no territorio galego no mesmo grupo 'burbulla' ou de convivencia estábel. Se non, teranse que manter no 50%.

No protocolo que camiña cara á 'nova normalidade' publicado esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), a Xunta aposta por "fomentar a constitución destes grupos de convivencia estábel" para a realización do Camiño e o aloxamento compartido na rede pública e privada de albergues.

O TSXG autoriza esixir o pasaporte Covid nos albergues turísticos que amplíen capacidade ao 75% nas prazas de aloxamento compartido

Para acreditar a constitución dos grupos de convivencia estábel para o aloxamento compartido, admitirase a declaración responsábel por parte dos membros do grupo, sen que, unha vez feita, se poidan admitir novos membros.

Á marxe das medidas de ventilación, como mínimo de 30 minutos ao comezo e final de cada xornada, a ocupación das zonas comúns dos hoteis, albergues e aloxamentos turísticos non poderá superar o 75% da súa capacidade.

Están permitidos os servizos de hostalaría e restauración para clientes aloxados e para, o resto, réxense polas normas comúns do plan de hostalaría segura.

O TSXG autoriza esixir o pasaporte Covid nos albergues turísticos que amplíen capacidade ao 75% nas prazas de aloxamento compartido. O tribunal considera que a medida é idónea porque permite uns niveis maiores de ocupación garantindo a seguridade sanitaria. Tamén destaca que ningún establecemento estará obrigado a pedir a documentación, só os que se beneficien dun aumento da capacidade.

Autoservizo

Por primeira vez, a Xunta inclúe por escrito que se permitirá o sistema de "autoservicio ou buffet aberto", con consumo en mesa.

Nos estabelecementos que conten con zonas de autoservizo, deberá evitarse a manipulación directa dos produtos por parte dos clientes, salvo no caso de que se trate de produtos envasados previamente. Para iso, deberán disporse os utensilios necesarios, de forma que "se evite o uso sucesivo de enxoval por distintos clientes".

Hostalaría segura

O plan de hostalaría segura, que se rexe en función do nivel de adherencia de seguridade que elixan os estabelecementos, cambia a súa capacidade de aforamento do 75 ao 90% en interior para aqueles que optaron por máis medidas de seguridade. No estadio anterior, pásase ao 75%. Nos exteriores, será do 90 e do 100% da capacidade en función do nivel. Unha medida criticada por representantes do sector.

As agrupacións máximas permitidas por mesa pasan a dez no interior e 10 en terraza, mesmo caso para o lecer nocturno.

Actos laborais

Una das novidades que incorpora o DOG atópase na realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicas ou profesionais, congresos e outros eventos similares, que se poderán realizar co 90% de aforamento, sempre que o público permaneza sentado.

O cambio principal supón que, do mesmo xeito que se permitía en vodas, agora tamén están autorizados os cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, aínda que se debe manter a distancia de seguridade interpersoal no momento de retirar a máscara cando se trata de persoas non convivientes.