A hostalaría presentan un novo recurso contra a obriga de achegar certificado Covid

Representantes do colectivo de hostaleiros que reclama a suspensión do certificado Covid como requisito de acceso. (Foto: Europa Press).
A iniciativa, admitida a trámite, complementa o recurso interposto pola asociación Lugo Monumental e desestimado polo TSXG. Agora, desde Compostela, confían en que a interpretación do alto tribunal se corresponda coa emitida noutras comunidades.

Hostaleiros de Santiago presentaron un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que "complementa" o que xa interpuxo días atrás Lugo Monumental contra a obrigatoriedade de achegar o certificado Covid para acceder ao interior de bares e restaurantes, entre outra documentación, naqueles niveis en que figura como requisito de entrada. É dicir, en concellos no nivel alto e máximo de restricións.

Medida ineficaz

En nome dunha quincena de asociación da hostalaría representantes de varios estabelecementos composteláns reclaman a suspensión cautelar da orde do 22 de xullo da Xunta para facer fronte á Covid.

Consideran que "non é eficaz na contención dos contaxios" ademais de resultar "unha medida criminalizadora contra o sector", criticou o responsábel da Nave de Vidán, Lois Lopes.

A esixencia do certificado Covid, advirten os hostaleiros promotores da reclamación, é un requisito "inxusto, desproporcionado e pode conter algunha cuestión que non é nin legal".

Neste sentido, engaden, "é imposíbel" contrastar se o certificado que mostra o usuario pertence realmente a el ou a outra persona.

500 días de restricións

Doutra banda o colectivo de hostaleiros pon en evidencia outras "inxustizas" como que a partir deste sábado haberá terrazas de locais con licenza de pub que teñan o seu aforamento limitado a 50% e ao seu carón outras de estabelecementos con permiso de bar a 100%.

Lopes censurou que son xa "500 días con restricións continuas" que afectan en maior medida ao lecer nocturno. Límites que rexeitan por seren adoptados "de maneira unilateral" e "non de forma consensuada co conxunto do sector".

Fronte a todo isto, reclaman "alternativas", en concreto, en forma de indemnizacións económicas "que permitan a supervivencia da actividade e dos postos de traballo".

Resposta inminente

Pola súa banda, aseguran estar a pór "toda a carne no asador" para dar aos usuarios "unha garantía na saúde pública", e confróntano co feito denunciado esta terza feira polo conselleiro de Sanidade, de que sexa nas festas privadas onde se produce a maior parte dos contaxios.

O recurso foi presentado a pasada sexta feira, 6 de agosto. Esta teza recibiron a notificación de que se admitía a trámite. "Esperamos que a sala volva valorar a urxencia das medidas, e que a interpretación da sala se corresponda coa doutras comunidades", concluíu Lopes, coa vista posta nunha resposta esta mesma semana.