A hostalaría sae á rúa en Lugo e na Coruña para urxir axudas ante o feche obrigatorio

Manifestación do sector hostaleiro en María Pita [Imaxe: M. Dylan / Europa Press].

Ambas as dúas protestas contan coa participación non só do conxunto empresarial, senón tamén de camareiras e camareiros, persoal distribuidor e doutros traballadores e traballadoras afectadas. 

Centos de empresarios e outras persoas vinculadas á hostalaría, como camareiros e distribuidores, botáronse ás rúas das cidades de Lugo e da Coruña na mañá deste sábado, primeiro día de fechamento obrigatorio durante un mes, co obxectivo de reclamar de maneira urxente axudas económicas que palíen as perdas provocadas polas medidas ditadas para conter a pandemia.

Na cidade de Lugo, foi a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo (APEHL) a convocante dunha manifestación que tivo o obxectivo de "dar visibilidade á situación de crise" que atravesa o sector e a súa cadea de valor.

Esta protesta desenvolveuse a partir das 11 horas desde o Concello, para posteriormente dirixirse pola Rolda da Muralla até o edificio multiusos da Xunta. As persoas participantes tamén pasaron pola sede da Deputación na rúa San Marcos e pola Subdelegación do Goberno, antes de volver ao Consistorio para finalizar o seu percorrido.

En cada unha das paradas realizadas durante a manifestación, a APEHL entregou un paquete de propostas, necesidades e peticións para o rescate da hostalaría galega ao presidente da Deputación, José Tomé, ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e á alcaldesa da cidade, Lara Méndez.

No entanto, tal e como relatou o presidente dos hostaleiros da área de Lugo, Cheché Real, tan só non foron recibidos pola Subdelegación do Goberno estatal: "Cando contactamos con eles no día de onte (sexta feira), xa nos adiantaron que non poderiamos ser recibidos porque os sábados tiñan fechado".

Vehículos de repartición

A esta acción reivindicativa convocado pola asociación de empresarios sumáronse vehículos de repartición das compañías distribuidoras, que circularon ao redor da Muralla para evidenciar que toda a cadea de valor vese afectada as medidas.

Ao finalizar a protesta, Real alzou a voz para dicir "basta". "Levamos meses afectados por fechamentos e restricións, esforzándonos por aplicar as restritivas medidas sanitarias sen ningún tipo de apoio económico e con iso conseguimos, segundo os últimos informes do Ministerio de Sanidade, que en bares e restaurantes se produzan menos do 3,3 por cento dos contaxios acumulados en España desde maio", asegurou.

"Levamos meses afectados por fechamentos e restricións, esforzándonos por aplicar as restritivas medidas sanitarias sen ningún tipo de apoio", dixo Cheché Real

En concreto, o presidente da APEHL leu un manifesto fronte ao Concello co que recoñeceu que "a saúde e a vida teñen a máxima prioridade" nun contexto de pandemia, polo que os hostaleiros son "os primeiros interesados en aplicar todas as medidas preventivas para evitar os contagios pola COVID-19", tanto dos seus traballadores como dos clientes.

Esta protesta produciuse no primeiro día no que a hostalaría deberá fechar de maneira obrigatoria na Galiza durante un mes. Ante iso, Cheché Real solicitou publicamente medidas económicas como a "exoneración de cotas á Seguridade Social", axudas "directas", un "atraso, supresión e modificación" de taxas e impostos e unha "ampliación indefinida" dos expedientes reguladores de emprego temporal (ERTE), entre outras cuestións.

E é que, de acordo coas súas cifras, a crise da Covid-19 xa provocou que boten o feche máis de 65.000 negocios de hostalaría en toda España e que desaparezan máis de 350.000 empregos.

Apoio da alcaldesa

Os empresarios foron recibidos no transcurso da manifestación pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen lles amosou o seu apoio e deixou aberta a porta para manter as exencións de taxas como a ocupación da vía pública polas mesas, mentres continúe a situación de pandemia.

A rexedora trasladou a Real que "desde o principio da crise sanitaria" o Concello "estudou" as súas peticións: "Algunhas se puideron facer, outras non, pero sabedes que estamos a tentar facer grandes esforzos porque somos conscientes de que sodes fundamentais no tecido económico da nosa cidade".

Méndez comprometeu que o goberno local seguirá "estudando todas as alternativas que se poidan dar"

Por isto mesmo, Méndez comprometeu que o goberno local seguirá "estudando todas as alternativas que se poidan dar", como a modificación das ordenanzas para condonar a taxa de ocupación das terrazas, porque "o equilibrio entre a protección da saúde e o desenvolvemento da actividade económica" é "imprescindíbel".

Concentración na Coruña

Tamén na Coruña decorreu na mañá deste sábado unha multitudinaria protesta á que asistiron non só responsábeis de locais hostaleiros, senón tamén camareiros, distribuidores, limpadores e até representantes do sector da música e a cultura.

"Todo o que engloba a hostalaría", resumiu Víctor Rama, un dos convocantes da concentración e responsábel dunha cervexería da zona de Riazor.

En declaracións a Europa Press, explicou que secundaron esta acción reivindicativa "máis de 200 persoas" na Praza de María Pita. Alí, tampouco faltou a música por parte dalgúns grupos que se quixeron sumar.

"Comportámonos como nos levamos comportando oito meses, pero aínda así parece que aínda somos o foco de contaxio", denunciou Víctor Rama

E é que o tres locais que, xunto ao de Víctor Rama, comezaron con estas protestas están "moi relacionados coa música". "Entón, ao explicarlles o que tiñamos pensado a varios músicos da nosa contorna, quixeron achegar o seu gran de area", abordou.

Así mesmo, este hostaleiro celebrou o cumprimento de todas as medidas sanitarias -separación e máscara- de todos os que acudiron até María Pita. "Comportámonos como nos levamos comportando oito meses, pero aínda así parece que aínda somos o foco de contaxio", denunciou.

Así as cousas, fronte ao fechamento obrigatorio a partir deste sábado, Rama sumouse á demanda urxente de axudas económicas para o sector e reduciu a "papel mollado" as que presentou a Xunta da Galiza esta semana: "Non sabemos en que condicións, nin cando chegarán, nin nada".

"Van chegar cando a metade de nós esteamos fechados. Necesitámolas agora", aseverou finalmente