A hostalaría podería recuperar o uso das barras en setembro

Indicación de restricións ás portas dun negocio de hostalaría en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A Xunta estabelecerá un novo sistema de control da capacidade na hostalaría a principios de setembro. A idea é atender máis á responsabilidade que demostre o empresariado que ás condicións epidemiolóxicas por concellos.

O Goberno galego prepara unha alternativa de control da capacidade na hostalaría mentres dure a pandemia após atoparse co rexeitamento do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) á exixencia do certificado Covid. O obxectivo da Xunta é ter as novas pautas en funcionamento a principios de setembro, tal e como transcendeu esta segunda feira tras un debate entre representantes do Executivo do país e do sector. En todo caso, vaise estudar tamén a posibilidade de que as barras dos bares volvan ter uso.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, concretou que a ferramenta quere deterse agora nas medidas que poña en marcha cada estabelecemento en vez de atender só á incidencia do coronavirus no municipio no que estea situado.

Interrogado sobre a nova metodoloxía de control, Rueda aclarou que se trata de fornecer un sistema que non dependa "das cifras sanitarias" senón do "cumprimento" por parte de cada hostaleira para poder ter unha ou outra capacidade de atender á clientela.

Así, o representante da Xunta garantiu que se procuran "criterios comúns" sobre as medidas restritivas, como as distancias de seguridade, o uso dos xeles hidroalcohólicos ou os sistemas de ventilación, como os medidores CO2, para determinar en que nivel, dos tres que haberá -baixo, medio, alto- poderá estar cada negocio.

Premio para os locais con máis garantías sanitarias?

Desta forma, o bar, mesón ou restaurante poderá variar de nivel en función de que asuma máis medidas de seguridade desde o punto de vista sanitario. "Os que ofrezan máis garantías", resumiu ao respecto o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que tamén participa das conversas.

A intención é que tanto o empresariado como as e os expertos do comité clínico poidan estudar o que se puxo sobre a mesa antes de tomar unha decisión definitiva ao respecto.

Unha das novidades que pode espertar un maior interese é a de retomar o emprego das barras dos locais, algo que tería saído das e dos empresarios. “Imos debater, nun días esperamos chegar a acordos”, comentou ao respecto García Comesaña.

Pola súa banda o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia, Cheché Real, defendeu a utilidade do certificado Covid porque, ao seu parecer, era “a mellor medida nunha situación excepcional”.

Pola súa banda, o vicepresidente de Hostalería Federada  Galega  Hosfega), Sergio Fernández, pediu "diálogo" e recriminou que non se fixese chegar esta proposta "a todo o sector", despois de que esta entidade non fose convocada. "Cando a coñezamos con detalle, valorarémola", resumiu.