Hospitalizada en Ourense unha menor con PCR positiva tras superar a COVID-19 e dar negativo en maio

Primeiro doente con COVID-19 que saíu da UCI do Hospital de Ourense (CHUO/EP).
A nena pasou a COVID-19 xunto á súa familia e deu negativo nun test no mes de maio, agora está hospitalizada por outra doenza e deu positivo nunha nova proba de coronavirus.

Unha menor permanece hospitalizada en Ourense cunha proba PCR positiva en COVID-19 despois de pasar a infección xunto co seu núcleo familiar, após o que deu negativo noutro test realizado o pasado mes de maio.

O caso desta menor inclúese entre as dúas persoas hospitalizadas con PCR positiva por COVID-19 na área sanitaria de Ourense, onde outras 41 doentes fican en seguimento domiciliario.

Así o confirmaron a Europa Press fontes desta área sanitaria, que indicaron que a nena, que ingresou por criterio de pediatras, volveu dar positivo na PCR que se lle pediu, entre outras probas, ao ser hospitalizada recentemente por síntomas non vinculados ao coronavirus.

As mesmas fontes lembraron que unha PCR pode dar positivo "aínda que o virus estea inactivo" porque poden quedar "trazas" no organismo. A respecto diso, insistiron en que posibelmente o virus estea "inactivo" no caso desta menor porque xa superou a infección.

No entanto, segundo resaltaron estas fontes, ao volver dar positivo na PCR aplicóuselle, como ao resto de pacientes, o protocolo de seguimento e rastrexo de contactos.