As hospitalizacións pola Covid aumentan na Galiza

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)
A área sanitaria de Vigo suma un terzo dos novos positivos detectados entre a sexta feira e onte, un total de 277 en todo o país nunha xornada na que aumentaron as PCR realizadas.

Entre as 18 horas da sexta feira e a mesma hora do sábado Galiza sumou 277 novos positivos por coronavirus, 60 menos nun período no que se incrementaron as probas PCR en máis dun millar, 1.292 en total, e no que a taxa de positividade descende a 4,7%. Esta semana o número de falecidos na segunda onda superou o da primeira, un total de 631 persoas que contraeran o virus.

Respecto a onte a presión hospitalaria elévase ao aumentar as persoas ingresadas en planta e tamén nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI). A cifra de ingresos volve superar os 400, oito máis que onte, con 406 persoas hospitalizadas nalgún hospital galego das cales 64, tres máis, se atopan nunha unidade de críticos.

O número de hospitalizacións descende unicamente na área sanitaria da Coruña que, non obstante, continúa a acumular a maior parte. En total hai 120 persoas ingresadas das que 23 están nunha UCI. Por contra, o resto empeoran o manteñen a súa situación. Na área viguesa, por exemplo, permanecen 65 persoas hospitalizadas nunha planta convencional e 12 nunha UCI. Tampouco hai mudanzas na de Pontevedra e O Salnés, con 42 ingresos ordinarios e 9 en coidados intensivos.

A área sanitaria de Compostela e O Barbanza presenta un incremento das hospitalizacións, con seis doentes ingresados máis até alcanzar os 49 e tres pacientes máis en críticos, 9 en total. Na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mantéñense en 42 as hospitalizacións en planta convencional mais aumentan nas de críticos até alcanzar as 5. En Ferrol aumentan tamén os doentes nesta planta, con tres máis, se ben os ingresados fican en 35 por mor das altas.

Por último, a área de Lugo, A Mariña e Monforte presente o maior incremento da xornada con seis pacientes máis, se ben continúa a ser a que menos ingresos ten de toda Galiza. En total, permanecen 32 pacientes en unidades ordinarias e un en coidados intensivos.

Vigo suma un terzo dos casos

Do total de casos detectados entre a sexta feira e o sábado a área viguesa suma un terzo, 92 en total, manténdose como a que máis positivos activos acumula, 1.800. Na de Compostela e O Barbanza foron detectados 45 casos, ficando con 784. A da Coruña e Cee sumou 40 novos positivos e conta con 1376 casos activos en total.

Na área sanitaria de Ourense foron detectados 18 casos da Covid-19, manténdose como a que menos positivos activos acumula, un total de 402. Tamén descenden os novos positivos en Pontevedra e O Salnés, con 30 detectados e 990 positivos activos. Na de Lugo foron 29 os novos casos localizados, ficando os activos en 788. Por último, a área ferrolá informou de 35 novos positivos e de 586 activos.

Nese mesmo período realizáronse 6.699 probas PCR, case 1.300 máis que no anterior. Paralelamente a taxa de positividade experimentou un descenso a 4,7%, situándose por baixo do limiar da Organización Mundial da Saúde para considerar a pandemia controlada. Porén, a media nos últimos días supera esta porcentaxe, 5,63%.