Centralidade e recortes na sanidade ourensá

A Xunta  e a Consellería de Sanidade reestruturan os centros sanitarios da circunscrición ourensá.

O pasado 2 de agosto,  a Consellería de Sanidade presentou o anteproxecto que modificaba a Lei 8/2008 de Galiza. Pouco tempo tardou en pronunciarse o resto de forzas políticas e os organismos sanitarios correspondentes, denominando esta modificación como “un novo recorte do Partido Popular”.

 

O comunicado que lanzaba a Consellería explicaba que o anteproxecto debíase a unha “nova organización territorial” que pretende optimizar os recursos que están dispoñíbeis agora mesmo. Ademais, afirman que tanto “os recursos materiais coma humanos, terán unha maior coordinación en eidos como a atención primaria e a hospitalaria ademais dunha mellor cobertura na asistencia e unha mellor derivación entre os diferentes centros sanitarios”.

 

O que implica esta modificación da lei é a nova división por áreas sanitarias coa creación dun total de 14 distritos simplificando e abaratando a situación vixente que contaba con: once áreas, sete Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) e contabilizando catorce hospitais en todo o país.

 

Mais a oposición ten as súas dúbidas sobre o trasfondo do anteproxecto de lei. A parlamentaria polo Bloque Nacionalista Galego pola provincia de Ourense, Noa Presas, sinalou as consecuencias que supuñan para a provincia esta modificación “dando carta branca á dilapidación dos servizos públicos”. Asemade, afirma que non se garante a participación dos Consellos de Saúde, que son transformados nun órgano sen capacidade para cumprir as súas funcións. Fronte á política sanitaria da Partido Popular na Xunta de Galiza, Presas remarcou a necesidade de retirar o anteproxecto de lei e apostar polo reforzo dos tres hospitais ourensás. Ademais, reforzar tamén a atención primaria e deseñar un bo plan de cobertura específica para a poboación moi envellecida, característica da provincia.

 

Asemade, a deputada do BNG e encargada da rama sanitaria, Montse Prado Cores, critica o método de presentación. “Apreséntase no mes de agosto, un mes de pouca actividade no Parlamento e nos hospitais, cun gran número de profesionais de vacacións”. Sinala que “o fondo e a forma” non son os correctos e dende o grupo parlamentar da súa organización pedirán a retirada do anteproxecto de lei.

 

Pola banda socialista, o seu portavoz en sanidade, Julio Torrado, denuncia a “covardía” da Xunta ao presentar este anteproxecto no mes de agosto. Ademais de criticar que supón que a partir de agora a participación na sanidade vaise decidir por decreto. “Supón tamén unha ampliación moito máis dura do modelo de áreas sanitarias, cunha redefinición do mapa encamiñada a reducir á nada o peso das áreas comarcais que suporá tamén a perda da xestión directa da atención primaria” finaliza Torrado.