"O hospital de Verín é un barco á deriva"

Profesionais sanitarias de Verín e veciñanza da comarca protestan ante o Parlamento de Galiza (Irene Pin).
Malia o cansazo e o desgaste dun mes dedicado á defensa activa dunha sanidade pública de calidade apegada á xente do rural, o ánimo non decae entre a veciñanza e as profesionais sanitarias da comarca de Verín. Denuncian maior desleixo por parte da Administración mentres aseguran unha loita indefinida.

Verín non pecha. Un mes despois de que se consumase a clausura da sala de partos e do servizo de urxencias pediátricas do hospital comarcal, o lema que mellor describe o empeño da veciñanza por recuperar a calidade asistencial da que gozaron ao pé da casa, durante 25 anos, segue máis vivo ca nunca. "Seguimos con todo o ánimo", explica Aurora Sola, portavoz da plataforma en defensa da sanidade pública de Monterrei.

"A situación é agora máis complicada que o primeiro día. Despois de quedar sen sala de partos e sen urxencias pediátricas, quedamos sen xerencia. Non hai quen tome decisións nin resolva as dificultades propias do día a día", denuncia Eva Fernández, presidenta da comisión delegada do hospital comarcal, ao tempo que manifesta un enfado compartido por moitas profesionais e especialistas do centro, que non teñen a quen trasladarlle queixas e demandas correntes.

"Non imos ceder", manifestan. Un mes após o peche de "servizos fundamentais para a supervivencia do rural e da comarca", a loita da veciñanza e das profesionais sanitarias de Verín non ten visos de rematar. E pasa, asegura unha das matronas do servizo de obstetricia e xinecoloxía do hospital de Verín, "por que se saiba a verdade sobre o peche da sala de partos e das urxencias pediátricas, que nada ten que ver coa falta de pericia das traballadoras nin cunha baixada de partos extraordinaria".

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.