O primeiro bebé do ano en Verín ispe a decisión da Xunta

Manifestación contra o desmantelamento de servizos no Hospital de Verín en 2018 (Plataforma na Defensa da Sanidade Pública-Monterrei)

A familia insistiu en que ficase no Hospital verinés fronte á insistencia da pediatra enviada desde Ourense.

Andrea Larisa é a primeira crianza nada en Verín en 2020. A nai chegou ao Hospital verinés co parto moi avanzado polo que non foi derivada a Ourense. A Xunta decidiu hai unhas semanas poñer fin á sala de partos en Verín, argumento primeiro cuestións de seguridade e despois carencia de pediatras.

Desde Ourense enviouse unha pediatra, que chegou 40 minutos despois do parto. A familia negouse a que a crianza fose trasladada a Ourense embora as advertencias da pediatra.

Ao igual que no parto anterior, houbo chamada ao xuíz de garda para notificarlle que malia o protocolo indicar que a embarazada tiña que ser enviada a Ourense, o avanzado estado no que estaba aconsellaba desde un punto de vista médico que fose atendida en Verín, como aconteceu.

PSdeG, BNG e En Marea criticaron a "pasividade" da Xunta despois do nacemento dun segundo bebé no Hospital de Verín após o peche do paritorio e reprocháronlle que "cada día que tarda en rectificar" ponse " vidas en perigo".

Por unha banda, o BNG manifestou que "cada día que a Xunta tarda en rectificar" esa decisión ponse " vidas en poligro". Así o trasladou nun comunicado de prensa a deputada do Bloque Noa Presas, quen criticou "unha vez máis a inactividade da Xunta ante o nacemento dunha nova crianza no Hospital Comarcal de Verín".

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, no marco dun almorzo informativo, sinalou a Verín como "a punta do iceberg da crise das políticas sanitarias" da Xunta de Galicia, unha situación que evidencia a "política de retroceso" aplicada por Feijóo como presidente e que mostra "un cinismo político supremo" desde o peche do paritorio.

En Marea, a través dun comunicado, criticou que "un segundo parto de urxencia no Hospital Comarcal de Verín volve pór en risco á nai e ao seu bebé ante a pasividade da Xunta que non quere entender que a sanidade hai que planificala en base a criterios sanitarios" e que, abunda, "desobedece todas as recomendacións da OMS".