O Hospital da Mariña fechará 38 camas durante o verán, "toda Medicina Interna"
A dirección do Hospital da Mariña, situado en Burela, fechará nos meses de estío un total de 38 camas, segundo informa nun comunicado dirixido aos medios a CIG-Saúde. A clausura, din, será progresiva, "fechando camas e reducindo o persoal para, a partir de xullo, proceder ao feche das portas da planta de Medicina Interna perdendo así o hospital a capacidade de ter dispoñíbeis 38 camas para ingresar as e os pacientes que así o requiran".
Esta perda de camas, advirte o sindicato, terá consecuencias para as persoas doentes e suporá o incremento das derivacións ao hospital de referencia da comarca, o Lucus Augisti (HULA) de Lugo.
O bloqueo de camas hospitalarias é unha práctica que se vén facendo nos últimos meses "e que está a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor da dirección do hospital que provocou a fuxida de profesionais".
O persoal 'fuxiu' a outros sitios en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade
Ademais, apuntan desde a CIG-Saúde, medidas coma esta "tamén provocan un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías", ademais do "desprazamento de traballadores e traballadoras a outras unidades de hospitalización para cubrir vacacións e outras ausencias, o que incrementa tamén o desemprego e a dificultade para a conciliación vida laboral e familiar", aclaran.
Falta de profesionais
A dirección do hospital de Burela xustifica o feche de camas pola falta de persoal, unha situación "xerada pola propia dirección" e que a central nacionalista vén denunciando dende 2019. "O persoal 'fuxiu' a outros sitios en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade", motivo polo que levan tempo demandándolle aos responsábeis do centro e do Sergas que "dignifiquen" a contratación. "Se non temos o persoal que este centro precisa, a única responsábel é a dirección do hospital polas políticas de contratación precarias dos últimos anos".
A CIG-Saúde sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque "as poboacións das zonas de costa, como mínimo, duplícanse nesa época e as localidades do interior da comarca tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra" e lembra, ademais, que "no verán tamén enfermamos".
"Fechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida que só busca o aforro económico e que vai privar de asistencia sanitaria de calidade durante o verán os mariñaos e mariñás", conclúe o sindicato.