Hospitais privados na Galiza reclaman 60 millóns pola súa “intervención forzosa” durante a pandemia

Imaxe de instalacións sanitarias (Foto: Europa Press)

Afirman que non puideron acollerse a medidas como os  ERTE a pesar de baixar a súa actividade.

 

Os hospitais privados na Galiza presentarán reclamacións ante a Xunta e o Goberno estatal para demandar “compensacións” polas perdas derivadas do estado de alarma, que estiman en 60 millóns de euros, ao ser declarados servizo esencial e non poder adoptar medidas como, por exemplo, os  ERTE, a pesar do descenso da súa actividade "nun 80%", afirmaron

Así o trasladaron a Europa  Press fontes de  Ahosgal, a Asociación de Hospitais Privados de Galiza, que precisaron que o primeiro paso nesta reclamación será a elaboración dun informe independente, que podería estar listo en catro ou cinco semanas.

 Estima que, durante o estado de alarma na Galiza, tiveron unhas "perdas" de ao redor de 5 millóns de euros cada semana

Con todo, e facendo a comparación co mesmo período do ano pasado,  Ahosgal (que representa todos os centros privados que teñen concerto co Sergas) estima que, durante o estado de alarma na Galiza, tiveron unhas "perdas" de ao redor de 5 millóns de euros cada semana, até uns 60 millóns de euros en total.

As mesmas fontes lembraron que, nesa situación excepcional, estes centros sanitarios privados foron declarados servizos esenciais e, aínda que a súa actividade "baixou un 80%", tiveron que manter os seus persoais e non puideron aplicar medidas como os  ERTE. "Os hospitais privados tiveron unha intervención forzosa. Estiveron intervidos e a plena disposición do Sergas", incidiron.

Por todo iso, reclamarán á administración galega e estatal, porque "ambas teñen responsabilidade polos danos e prexuízos" durante ese período, e lembraron que a propia Consellería de  Sanidade emitiu unha orde "na que se recomendaba suspender a actividade programada non urxente".

Segundo Ahosgal, os hospitais privados galegos xeran 4.300 empregos directos e facturaron en 2018 (últimos datos dispoñíbeis) 326 millóns.