Hospitais privados demandan 13 millóns de euros ao Sergas

Unha cama nun centro hospitalario. (Foto: Nós Diario)
Reclaman xudicialmente que a Xunta lles pague os danos e prexuízos derivados de "ser intervidos no Estado de Alarma".

Hospitais privados da Galiza reclaman xudicialmente que a Xunta lles pague os danos e prexuízos derivados de "ser intervidos no Estado de Alarma"

O informe forense elaborado por  KPMG a petición de Ahosgal, asociación que representa estes hospitais, cifra en 13,3 millóns de euros as perdas que sufriron os centros hospitalarios pola súa "posta a disposición" da Administración Pública con todos os seus medios "persoais e técnicos ao completo".

O recurso, presentado por 10 dos 12 hospitais que formaban parte a Asociación de Hospitais de Galiza nese momento, solicita a indemnización individualizada despois de que o Servizo  Galego de Saúde non respondese á reclamación administrativa presentada por estes centros privados en marzo de 2021, na que demandaba o abono dos danos causados pola "posta a disposición" durante o Estado de Alarma.

A Xunta destina anualmente por volta de 200 millóns de euros a concertos coa sanidade privada. 

Para determinar as contías dos danos causados,  Ahosgal solicitou un "Informe de Experto Independente" á auditora  KPMG, a mesma que elaborou o informe sobre a fusión das caixas galegas empregado pola Xunta para defender esa unificación.

Cartos para a privada

A Xunta destina anualmente por volta de 200 millóns de euros a concertos coa sanidade privada

O informe ‘Sanidade privada 2019’ , elaborado polo Instituto para o desenvolvemento e integración da sanidade, o maior incremento en porcentaxe nese capítulo no conxunto do Estado español deuse en Galiza e Balears, con 0,4% de aumento.

No caso da Galiza foron nese exercicio  perto de 230 os millóns de euros que se orzamentaron  nesa partida.