'Alba de Compostela' homenaxeará o 25 de xullo estas catro figuras de relevancia para Santiago e Galiza

O acto 'Alba de Compostela' terá lugar o vindeiro 25 de xullo. (Foto: Concello de Santiago)
Son Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da asociación cultural Cidade Vella.

O Alba de Compostela, o acto que organizará este ano por vez primeira o Concello de Santiago para homenaxear santiagueses e santiaguesas distinguidas renderá tributo, nesta edición inicial, a catro figuras destacadas da cidade, segundo desvelou esta terza feira o Goberno local. Son Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da asociación cultural Cidade Vella.

O acto decorrerá ás 13.15 horas no Teatro Principal e, con del, o Concello inspírase no coñecido discurso 'Alba de Gloria' que Castelao pronunciou ese mesmo día en Bos Aires no ano 1948, un evento que chega ao 75 aniversario este 25 de xullo. A idea é que o Concello "se sume de forma activa á celebración" do día grande da cidade e da Galiza, "rendendo homenaxe a persoas, institucións e organizacións vinculadas á cidade", tendo en conta a súa identificación con Santiago, o seu arraigamento social e a súa relevancia ou proxección.

Con base nestes criterios de valoración, a edición deste ano escolleu as catro persoas e colectivos anteriormente citados. Daniel Lorenzo Santos, da Fundación Catedral, foi designado "polo seu labor para levar á cidadanía o proxecto de rehabilitación" do edificio, socializando o proceso a través dun coidado programa de visitas "que pon en valor a complexidade e importancia da conservación desta obra do patrimonio histórico e cultural universal". Os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi, polos seus éxitos en ligas galegas e estatais, erixíndose en "referentes no deporte de competición en xeral e no hóckey en particular", e pola súa contribución para "difundir a aposta do club pola participación feminina neste deporte sobre patíns", na infancia e na mocidade.

María Rosa Álvarez Prada, decana do COP-Galiza e á fronte do Plan Socio-Comunitario de Vite, "pola súa dedicación profesional á transformación do barrio", implicando persoas e entidades nun proxecto social que as erixe como protagonistas e impulsoras dun espazo veciñal, modelo de intervención sociolaboral colaborativa e educativa. E, finalmente, Ánxeles González Porto, da asociación cultural Cidade Vella, polo seu labor de "dinamización da zona histórica da cidade, contribuíndo a resignificar os espazos de lecer nocturno" a través da experiencia cultural e polo seu compromiso activo coa hostalería de proximidade e cunha función de retorno social para os veciños.

O acto bebe do contido simbólico e histórico do discurso de Castelao naquel 25 de xullo, no que se fai unha descrición dos personaxes históricos que, desde a Idade Media, contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e da Galiza e formula así un desexo de esperanza no futuro. Este 2023 conmemórase o 75 aniversario da lectura do texto.

Ademais, segundo informa o Consistorio, tamén se inspira na Estrela de Santiago, a estrela de oito puntas presente no escudo de Santiago e visíbel en moitos lugares da cidade. Rememora o sinal que indicou onde se debía construír Compotela e cuxo nome está relacionado, no imaxinario popular, co "campo da estrela". Tamén se liga a outras tradicións como o vencello entre o Camiño de Santiago e a Vía Láctea.