Un home é detido nun hospital de Vigo tras agredir a súa parella que o fora visitar

Hospital Vithas Fátima de Vigo (Foto: Vithas).
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite desta cuarta feira, cando o 092 recibiu un aviso para acudir ao hospital Vithas Fátima de Vigo, porque se estaba producindo "unha pelexa".

Axentes da policía local de Vigo detiveron un home, S. B. V., de 42 anos de idade, que está ingresado nun hospital da cidade, por agredir supostamente a súa parella, que o foi a visitar ao centro sanitario. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite desta cuarta feira, cando o 092 recibiu un aviso para acudir ao hospital Vithas Fátima, porque se estaba producindo "unha pelexa" entre unha parella nunha das habitacións, que en realidade era unha agresión do home á muller.

Ao chegar, o home e a muller xa estaban separados e os celadores e testemuñas explicaron aos axentes que escoitaran unha forte discusión na habitación na cal estaba ingresado o home. Cando se achegaron, observaron unha muller que saía da estancia e, detrás, saíu o home berrando, moi nervioso e alterado, e viron que sacou a vía intravenosa da man e unha drenaxe que lle puxeran tras ser intervido cirurxicamente. O home chegou a abandonar a planta onde estaba ingresado, pero volveu minutos despois, debido á forte dor que tiña.

A muller explicou aos policías que ambos son parella desde hai uns dous anos e que o ía visitar tras a operación. Entre ambos iniciouse unha discusión e o home, segundo a versión dela, arrebatoulle o teléfono, retorceulle o brazo e empuxouna con forza contra un sofá, que chegou a romper.

Signos de agresión

Ademais, propinoulle un golpe na boca, e os axentes comprobaron que a muller presentaba signos de agresión tanto na cara como no brazo. Segundo apuntou a muller, as agresións da súa parella son frecuentes e chegou mesmo a pórlle un coitelo no pescozo nunha ocasión, aínda que non o denunciaba, manifestando a súa intención de facelo nese momento, a pesar de que el a ameazou con matala se o facía.

O home, pola súa parte, admitiu aos axentes que discutira coa súa parella e que "só" a empuxou contra un sofá. Por todo o sucedido e escoitadas as testemuñas, a policía procedeu a comunicar ao home a súa condición de detido. O agresor quedou hospitalizado e custodiado por axentes da policía local pola presunta autoría dun delito de violencia de xénero.