Un home é detido en Lugo por agredir a súa muller en presenza dos seus tres fillos

Axentes da policía local de Lugo (Foto: Policía Local de Lugo).
O relato da vítima, corroborado de forma espontánea polo fillo maior -de 7 anos-, contradí a versión do home.

Un home foi detido en Lugo por axentes da Policía Local acusado dun delito de violencia de xénero por agredir a súa muller agarrándoa do pescozo en presenza dos seus tres fillos.

O arresto produciuse cando a central da Policía Local de Lugo recibiu unha chamada da vítima para pedir axuda.

Os axentes presentáronse no lugar e encontraron no portal o suposto agresor, que se identificou ante os policías, aos que dixo que empuxara a súa muller porque antes ela o “agarrara do pescozo”.

Relato da vítima

O relato da vítima, corroborado de forma espontánea polo fillo maior -de 7 anos-, contradí a versión do home e asegura que foi este quen iniciou a agresión cun empuxón e que, máis tarde, continuou agarrándoa do pescozo.

A muller, que rexeitou recibir asistencia médica no momento, manifestou aos axentes que presentaría a denuncia ao día seguinte en comisaría.

Pola súa parte, o home foi arrestado e trasladado a comisaría para tramitar as dilixencias por un delito de violencia de xénero.