O Himno galego, manipulado na toma de posesión de Feixoo

De 'fogar de Breogán' a 'nazón de Breogán' e de 'nazón de Breogán' a 'fogar de Breogán'. Na toma de posesión de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza o Himno galego foi modificado.

Ao concluír o pasado sábado, 5 de marzo, o acto oficial de toma de posesión de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza no pazo do Hórreo -sede do Parlamento-, a cantante Lucía Pérez e o gaiteiro Marcos Foxo -fillo de Xosé Manuel Foxo, fundador da banda de gaitas da Deputación de Ourense- interpretaron o Himno da Galiza

A sorpresa chegou cando a cantante entoou o último verso da segunda estrofa do Himno. En lugar de pronunciar "desperta do teu sono Fogar de Breogán", dixo "desperta do teu sono Nazón de Breogán". Mais o erro non ficou aí e cando debería cantar "a redenzón da bóa Nazón de Breogán", pronunciou "a redenzón da bóa Fogar de Breogán".

Así, no momento máis álxido do Himno, mudouse o verso "Nazón de Breogán" polo de "Fogar de Breogán", que se repetiu. Hai quen ve un erro a manipulación da letra e quen a ve como unha modificación feita a mantenta.

Nos últimos anos, repetíronse mutilacións do Himno en diversos actos oficiais en que se reproduciu á metade, ficando o final en "Fogar de Breogán" en lugar de en "Nazón de Breogán". A estudosa María Pilar García Negro chegou a referirse a esta mutilación como "versión franquista do Himno".

Unha letra deturpada

A letra do Himno que chegou aos nosos días e que foi oficializada en 1984 coa Lei de Símbolos non é a orixinal de Pondal, senón unha versión deturpada –debido a erros fundamentalmente tipográficos e de comprensión– que aínda non foi restaurada. Explícao María Pilar García Negro no seu libro Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa).

A profesora xubilada da UDC foi unha das persoas que máis se empregou na tarefa de recuperar a letra fidedigna do Himno. Como deputada do BNG, chegara a impulsar no Parlamento a restauración. De feito, en 1996 a iniciativa do grupo parlamentar do Bloque constituíuse un relatorio conxunto para estabelecer as correccións precisas na letra. Aliás, en 2001 aprobouse por unanimidade unha proposición non de lei no mesmo sentido. Porén, nada se fixo.

O libro de García Negro, que foi publicado pola Fundación Galiza Sempre, recolle a modo de crónica todos os avatares que atravesou o Himno desde a súa oficialización en 1984. En maio de 2017, con motivo da publicación da obra, a propia autora entregoulle un exemplar ao presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Santalices, quen recuncou como máxima autoridade da Cámara galega.