Polémica polo corte ao himno no Básquet Coruña-Breogán

A Federación Española de Baloncesto ordenou interromper o cántico impedindo escoitar 'Fogar de Breogán'. VÍDEO NO INTERIOR.

Breogán
photo_camera [Imaxe @CBBreogán]

Este domingo o encontro entre o Breogán e o Básquet Coruña rematou en polémica e non polo axustado resultado, 85-90 a favor da equipa luguesa, senón pola decisión adoptada polo comisario da Federación española de baloncesto quen na entoación do himno galego ordenou parar. 

A piques estaba de soar a última estrofa da primeira parte cando deixou de soar a música impedindo que se escoitase 'Fogar de Breogán', unha referencia á nación galega que Eduardo Pondal quixo personar no heroe celta paradoxicamente pai, tamén, da cidade herculina, antiga Brigantium, cuxo emblemático faro, actual Torre de Hércules, foi noutrora Torre de Breogán, como recolle o Libro das invasións de Irlanda, o Leabhar Ghabhála Érenn.

Porén, semella que a alusión ao nome non gostou. Axiña as bancadas do Breogán ferveron en asubíos como mostra de indignación. Menos fervorosas entre a afección do Coruña cuxa directiva, no entanto, asegurou através da rede social Twitter e no seu portal web que lamentaba o acontecido ao tempo que partillaba o "malestar dos afeccionados". Pola súa banda, o Breogán non se posicionou.

A polémica espallouse con celeridade polas redes sociais enchéndose de mostras de indignación que censuraron a actuación da Federación española de baloncesto. 

Comentarios