Un Himno aínda sen restituír

[Imaxe: Parlamento]

O 20 de decembro de 1907 o Gran Teatro da Habana acollía unha homenaxe a Pascual Veiga en que foi interpretado por vez primeira de maneira oficial o Himno Galego. 110 anos após, o texto orixinal, deturpado co paso dos anos, segue sen se restituír. A Fundación Galiza Sempre e a Federación Galiza Cultura non cesan no empeño por conseguir a recuperación da letra verdadeira. Depende do Parlamento de Galiza que así se faga. Eis un extracto da información publicada no Sermos en papel.

Por impulso do intelectual Xosé Fontenla Leal, o 20 de decembro de 1907 interprétase por vez primeira de forma oficial o Himno galego. Foi no Gran Teatro da Habana, seo da activa emigración galega e con Curros Enríquez presente –falecería dous meses e medio após–, no transcurso dunha homenaxe a Pascual Veiga, autor da música do Himno e quen lle encargou ao poeta Eduardo Pondal –de cuxa morte se fixo este ano o centenario– a letra. Anteriormente, interpretárase a través de coros que o propio Pascual Veiga dirixira até a súa morte, en 1906.

 

A finais do século XIX, o pobo galego non foi alleo ao movemento de creación de símbolos identificadores que se daba en Europa. De feito, a partir de 1880 rexistráronse numerosas iniciativas de creación dun himno que identificase colectivamente Galiza como nación. O maior estudoso da figura de Pondal, o catedrático da UDC Manuel Ferreiro, ten afirmado que “a primeira e explícita proposta hímnica aparece con motivo da Exposición Rexional celebrada en Pontevedra en 1880, coa convocatoria dun premio”. Concurso que foi gañado polo texto de Andrés Muruais con música de Felipe Paz Carvajal.

 

“O Himno Galego nace, como algunhas das propostas anteriores, a partir dun certame. Con data de 22 de maio de 1890, o Orfeón Coruñés nº 4, dirixido por Pascual Veiga, músico de recoñecida traxectoria nacionalista, convoca un Certame Musical na Coruña , que presenta un apartado de composición, cun premio á mellor marcha regional gallega escrita para orfeón sobre o texto Os Pinos de Pondal”, lembra Ferreiro, quen advirte de que o himno de Pondal e Veiga “non deixaba de ser unha máis das varias propostas existentes na Galiza con vocación de se constituír en Himno nacional”.

 

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 276, á venda na loxa e nos quiosques]