Heroes caídos: o caso do sanitario infectado de coronavirus no Hospital de Oza

Entrada do Hospital de Oza, na Coruña (Foto: Nós Diario).

“Eu estudei para coidar dos demais, pero non para deixar a miña vida polo camiño”. Son as duras declaracións dunha persoa traballadora do Hospital de Oza (A Coruña) infectada por COVID-19, que agora revela a Nós Diario como foi a historia do seu contaxio.

O seu drama comezou a principios do mes de marzo, concretamente o día 6. Ese día, un doente con sospeita de gripe A é trasladado da súa habitación individual na unidade de coidados paliativos a un cuarto compartido na de continuos.

“Ese doente tiña pendente de facer un frotis para confirmar se era gripe A, pero non se lle fixo porque supostamente non había hisopos para frotalo, pero cheguei eu na quenda de tarde e cando abro un caixón vexo varios hisopos... iso fíxome sospeitar, pereceume que era unha broma de mal gusto meter un doente que estaba só con outro doente”, explica este membro do equipo sanitario do Hospital de Oza, que engade que “cando finalmente se lle fixo a proba, saíu positivo en COVID-19”.

Ante esta noticia, recibiu unha chamada para informar de que ao día seguinte non fose a traballar e iniciase unha corentena, sendo posteriormente notificada da reincorporación ao seu posto de traballo logo de 12 días “sen facer un test nin nada semellante”. Por aquel entón, os síntomas que habitualmente se asocian co coronavirus xa fixeran acto de presencia no seu corpo, empezando por unha tose seca que se prolonga “até o día de hoxe”.

Após “obedecer” e volver ao hospital, como continuaba atopándose mal pediu a realización dun test, con resultado negativo. Porén, axiña perdeu o gusto e o olfacto, informando á súa superior, que lle informou de que se farían os frotis ao persoal. Testeada finalmente o pasado día 8 de abril, cuarta feira, os resultados saíron ao día seguinte: positivo en COVID-19. Pero entre medias foi traballar, incluso o mesmo día en que se lle informou da súa doenza.

Sen EPI en Oza

A primeira reacción desta persoa foi a de “moito cabreo”, en primeiro lugar porque “non tería que ter ido a traballar cun resultado positivo”, e en segundo, pola fartura que lle produce unha política de opacidade que leva a ter que ser ela mesma a que ten “que pescudalo todo”.

“Eu estiven en contacto con multitude de doentes que saíron positivos, tamén compañeiros e compañeiras... de feito hai unha ingresada no Chuac. Por que estivemos a traballar sen EPI en planta até a semana pasada, tratando con doentes positivos? E se fosen un ou dous aínda pase, pero é que foron moitos”, apunta.

Ademais, preocúpalle que a dilación no seu diagnóstico poida repercutir en danos máis graves, xa que leva practicamente dous meses con tose seca e non se lle fixo a habitual placa de tórax: “O que me dixo o médico foi que se non me atopo peor, que non pise un hospital”.

E, sobre todo, poder contaxiar á súa familia a COVID-19, xa que comparte vivenda cunha persoa da que agora mesmo ten que illarse cando “até hai nada estabamos facendo vida normal” e á que informaron de que non lle farán o test “mentres non teña síntomas”.