Ferido un home en Culleredo tras caerlle encima do peito o brazo dun tractor

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
A peza golpeouno directamente no tórax, provocándolle lesións, polo que urxencias sanitarias trasladouno ao centro hospitalario da Coruña.

Un home resultou ferido na noite desta cuarta feira na localidade de Culleredo (comarca da Coruña) despois de caerlle encima do peito o brazo dun tractor, polo que tivo que ser trasladado ao Hospital da Coruña.

Tal como informou o 112 Galiza, os feitos ocorreron sobre as 21 horas nunha vivenda situada no lugar de Travesía de Outeiro e foi un particular o que alertou aos servizos de emerxencia.

Esta persoa explicaba que o tractor estaba estacionado nunha casa cando, sen chegar a envorcar nin a moverse, a pluma desprendeuse e caeu sobre o home, duns sesenta anos de idade.

A peza golpeouno directamente no tórax, provocándolle lesións, polo que urxencias sanitarias trasladouno ao centro hospitalario.

No operativo tamén participaron os axentes da Garda Civil e os membros do servizo municipal de Protección Civil.