Un ‘Henge’ na Mariña: pode ser o segundo que se investiga e descobre na Europa continental

Imaxe: Mariña Patrimonio

A estrutura arqueolóxica circular está en Xove. Mariña Patrimonio lamenta que as obras do corredor costeiro afectasen gravemente este xacemento 

A estrutura circular de Lavandeira, Xove, na Mariña de Lugo, é un xacemento arqueolóxico de tipo ‘Henge’ (construción neolítica en forma circular peraltada) similar á Roda de Barreiros. Así o sostén o colectivo Mariña Patrimonio, que en agosto de 2015 solicitara a inclusión deste recinto circular de Xove no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. O Servizo de Patrimonio redactou unha “ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC”, que non ten ningún valor e que non protexe en absoluto os xacementos.

O 50% da estrutura circular xa fora gravemente modificada con anterioridade con motivo da construción dun tramo do corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro, explica o colectivo.  Cando se realizou o estudo arqueolóxico para facer esta infraestrutura  non se detectou a existencia do xacemento. Para paliar o dano, a empresa construtora comprometeuse con Patrimonio a realizar unhas catas co fin de verificar a existencia do posible xacemento; en caso de confirmarse a autenticidade do mesmo, retiraría o talude, que cobre a metade do círculo, e repoñeríao ao estado anterior ao inicio das obras.

Mariña Patrimonio pide, “agora que está confirmada a autenticidade do sitio arqueolóxico”, que se devolva o xacemento ao seu estado anterior e que as distintas administracións colaboren na protección deste importante ben patrimonial da comarca e de Galiza.