Incidente aéreo: Un helicóptero ceiba perto de Santiago un buscador electro-magnético polo risco de bater coas árbores

O aparato traballaba na detección de xacementos de cobre nunha zona onde se proxecta reactivar unha mina. Veciñanza advirte que voaba moi baixo.

Un helicóptero que traballaba na detección de xacementos mineirais  nunha zona, en Touro e O Pino –perto de Santiago-  onde se pretende reactivar un proxecto mineiro que xera gran oposición veciñal protagonizou un incidente esta quinta feira. O aparato desprendeu dunha gran armazón metálica coa que facía as prospeccións xeolóxicas, un xeorradar electromagnético (VTEM). A veciñanza, que denunciou este suceso a través da Plataforma contra a mina, denuncia que o aparato voaba baixo e moi perto de núcleos poboados.

A propia tripulación foi a que decidiu desprenderse deste aparato polo risco de que se enganchase en eucaliptos e desequilibrase o helicóptero. O dispositivo caeu na parroquia de Loureda.