A veciñanza volve rexeitar a mina en Touro-O Pino perante o hermetismo municipal

Imaxe: Plataforma

Por volta de 200 veciños, segundo a plataforma contra a mina, acudiron ao pleno extraordinario do Pino para rexeitar un proxecto que, denuncian, vai ter grave impacto económico, ambiental e social.

Hai uns días en Touro e esta cuarta feira no Pino. Os plenos extraordinarios convocados en ambos os dous concellos sobre o proxecto mineiro que pretende operar en terreo destes dous municipios foron unha demostración de oposición veciñal a esta iniciativa que pretende reabrir e ampliar as minas abandonadas dende 1986.

 

Máis de 200 persoas, segundo cifra da Plataforma contra a mina, asistiron ao pleno extraordinario do Pino, onde deixaron claro o seu rexeitamento a un proxecto que supón graves ameazas e prexuízos sociais, económicos e ambientais.

Para a Plataforma, no pleno evidenciouse a “falla de transparencia” do goberno local (PP), que se ben non recibiu oficialmente a este colectivo veciñal si que mantivo xuntanzas coa empresa que quer impulsar a explotación mineira. Ademais, indican, o alcalde anunciou no pleno que presentara unha serie de alegacións perante a Xunta. “Informe de alegacións municipais que nin oposición nin veciños coñecen”.

 

Nesta cuarta feira, Ana Pontón e Xosé L. Rivas (BNG) mantiveron unha xuntanza cunha representación de veciños opostos á mina. “Estamos ante un novo Corcoesto”, salientou a portavoz nacional do BNG, quen anunciou unha batería de propostas no Parlamento para evitar a "depredación de miles de hectáreas agrarias e forestais".

 

O proxecto

 

A empresa Cobre San Rafael SL ten a concesión de explotación do xacemento San Rafael (O Pino e Touro) por 90 anos, até o 2068. Aproveitando o alto prezo que o cobre ten acadado dende 2007, debido en boa medida á forte demanda de materias primas dos xigantes asiáticos China e India, pretende reabrir e ampliar as minas de Touro, abandonadas dende 1986.  Ao igual que acontece co seixo en Mesía, o capital para o proxecto lévanos até China, segundo sinalan desde Adega. Así, Atalaya Mining, a empresa chipriota que case monopoliza a explotación do cobre no Estado, e que pretende facerse co 100% de Cobre San Rafael SL -se a Xunta autoriza a explotación- está participada por Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd (case o 22%).

 

O proxecto presentado, de 16 anos e medio de duración, afectará unha superficie de 689 hectáreas e amplía 4 explotacións xa iniciadas (Arinteiro, Vieiro, Bama e Brandelos), abrindo outras dúas (Arca e Monte das Minas). Haberá pois ao longo da vida da mina 6 cortas mineiras principais (e outras 4 satélites), 10 ocos en total, O sistema de extracción é a ceo aberto, e durante a vida útil sacarán 267 millóns de toneladas de materiais, dos cales 102 millóns serán de mineral de cobre para beneficiar unhas 356.464 toneladas de cobre metal. “A enxurrada de postos de traballo non agocha as importantes eivas ambientais”, advirten os ambientalistas. A empresa ofrece tamén entre 400 e 500 postos de traballo fixos, “naturalmente sen garantía algunha de que os vaia criar. Porén, a "letra pequena" ou non tan pequena do proxecto aponta a serias eivas ambientais”: