Investigación

O 'heavy metal' como terapia: estimula máis o cerebro en pacientes sedados que a música clásica

Concerto dos daneses Volbeat, cuxa música foi o obxecto do estudo. (Foto: Volbeat)
Un estudo constata que a estimulación con 'heavy metal' produce maiores cambios nas respostas cerebrais, mentres que a música clásica mostra unha tendencia á redución da actividade cerebral.

Tres investigadores do Hospital Universitario da Princesa, en Madrid, veñen de publicar un estudo piloto sobre estimulación cerebral a través da música en pacientes sedados que conclúe que o 'heavy metal' induce os maiores cambios na actividade cerebral, fronte á música clásica ou a dodecafónica. O traballo, liderado por Jesús Pastor, xefe do Servizo de Neurofisioloxía; Lorena Vega-Zelaya, neurofisióloga, e Alfonso Canabal, xefe de Servizo de UCI, todos eles facultativos deste centro hospitalario, foi publicado na revista científica de neurociencia Journal of Integrative Neuroscience.

En concreto, analizáronse as variacións da actividade cerebral en pacientes expostos a estímulos musicais baixo os efectos da sedoanalxesia, tendo en conta que a música é un método con valor para a estimulación en trastornos de conciencia. Para iso seleccionaron seis pacientes: cinco mulleres e un home con idades comprendidas entre 53 e 82 anos que estaban ingresados na unidade de críticos por diferentes patoloxías.

O seu estado era de inconsciencia provocado mediante sedoanalxesia, para garantir a tolerancia á dor mantendo a función cardiorrespiratoria. Tras recibir a autorización dos seus familiares para participar do estudo, estes pacientes foron expostos a tres tipos de música claramente diferenciados: a música clásica de Mozart, coa Sonata para dous pianos en D, K 448; a dodecafónica de Schönberg, con Klavierstuck Op.33a, e o 'heavy metal', da man do grupo dinamarqués Volbeat, co tema The Devil's Bleeding Crown.

Ás e os pacientes colocáronlles uns auriculares con fragmentos de cada unha destas tres pezas musicais de dous minutos de duración, cun volume correspondente a unha conversa normal. A secuenciación dos sons foi aleatoria e diferente para cada un deles e rexistrada en electroencefalogramas, sendo este un método obxectivo e non invasivo de determinación da resposta cerebral á estimulación, precisa o equipo investigador.

Os datos obtidos mostraron que a estimulación con 'heavy metal' foi a que produciu maiores cambios nas respostas cerebrais, mentres que a música clásica mostrou unha tendencia á redución da actividade cerebral. Así, este traballo supón unha novidade ao incluír na estimulación cerebral con música outros tipos de música diferentes á clásica, tales como a dodecafónica ou o 'heavy metal'.

Apunta tamén que diferentes tipos de música inducen respostas heteroxéneas no cerebro, polo que a súa utilización como ferramenta no proceso de rehabilitación xa pode ser unha realidade. Con base nesta cuestión, ven factíbel que o 'heavy metal' chegue a implementarse na neurorehabilitación de pacientes en UCI e que este contraste de respostas a distintos tipos de música constitúa unha ferramenta útil para a rehabilitación dos pacientes.

Aliás, e após os resultados obtidos no presente estudo, ábrese a posibilidade de que se profunde nesta liña implementando novos ensaios con máis pacientes e noutros centros hospitalarios para tratalos con 'heavy metal'.