Hassanna Aalia visitará Galiza convidado por Galiza Nova

O activista sahariano condenado a cadea perpetua por un tribunal militar marroquí participará nun coloquio en Compostela.

 

Hassanna Aalia, activista e xornalista sahariano, visitará Galiza esta terza feira (3 de febreiro) acompañado pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova. 

Con motivo da orde de extradición que lle foi comunicada o 19 de xaneiro após denegarlle o goberno español o asilo político que solicitou en 2011, Aalia intervirá nun acto político das mocidades do Bloque  que terá lugar na Facultade de Filosofía (Compostela) ás 19.30 horas e que contará coa participación do secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera. 

Hassana Aalia foi condenado en 2013 por un tribunal militar marroquí após participar no campamento Gdeim Izik en outubro de 2010 polo que xa cumprira unha condena de 4 meses de prisión. Durante unha estancia en Euskal Herria a onde viaxou cunha bolsa de estudos lingüísticos foi xulgado de novo en rebeldía e sentenciado a cadea perpetura. 

Após coñecer a decisión do executivo español, Aalia recorreu perante a Audiencia nacional española a negativa de Madrid a lle conceder asilo político, un proceso que continúa o seu curso entre numerosos actos, manifestacións e accións de solidariedade por todo o territorio estatal.