CEAR-EUSKADI ANUNCIOU QUE PRESENTARáN UN RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO

Organizacións e colectivos demandan asilo político para Hassana Aalia

[Marisol Ramírez / Argazki Press]

Através dun recurso xudicial, iniciativas na rede e propostas parlamentares a rede de solidariedade co pobo sahariano insta o goberno español a non extraditar o actitivista. 

 

Desde que o 19 de xaneiro lle foi notificada a orde de extradición --para cuxo cumprimento ten 15 días-- Hassana Aalia está a recibir numerosas mostras de apoio. A imprensa de todo o estado fíxose eco da súa situación e, agora, diversos colectivos e organizacións políticas --entre elas o BNG-- instan a Madrid a non entregar o activista sahariano ao goberno que o torturou e condenou a cadea perpetua por defender os dereitos do Sáhara. 

Neste senso, na notificación que lle foi remitida o executivo español asegura que embora cumprir todos os requirimentos para serlle concedido o asilo, posúe un proceso pendente en Marrocos polo que llo denegan. 

Así é que o seu avogado --letrado tamén do Comisión de axuda ao refuxiado de Euskadi-- Javier Canivell anunciou en comparecencia de imprensa esta quinta feira, na que tamén estivo presente Hassana Aalia, que presentarán de maneira inmediata un recurso contencioso-administrativo perante a Audiencia Nacional española e a solicitude de suspensión cautelar da saída obrigatoria. 

O BNG presentou dúas inciativas parlamentares en Galiza e Madrid para demandar o asilo político de Hassana Aalia

Entrementres estanse a multiplicar as iniciativas para frear o proceso de expulsión de Aalia. Destarte, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou pouco despois de se coñecer o rexeitamento do asilo político dúas iniciativas parlamentares no Parlamento galego e o Congreso español nas que insta o goberno de Madrid a asumir a súa "responsabilidade" a respeito da ocupación marroquina do Sáhara e a garantir o dereito de Aalia a ser acollido. 

Así, desde a organización frontista emprazan o goberno español a "comprometerse de verdade na defensa dos dereitos políticos, humanos, sociais e económicos do pobo saharaui en lugar de poñerse de lado de Marrocos". 

Doutra banda, xa foron activadas diversas plataformas dixitais para a recollida de sinaturas nas que se insta o executivo de Mariano Rajoy e, no concreto, ao ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz a conceder asilo político para o activista e xornalista sahariano. 

Durante a comparecencia de imprensa Hassana Aalia asegurou a denegación deste dereito reflicte o aliñamento do Estado español cos intereses marroquinos ao pór "riba dos dereitos humanos" os "intereses económicos" de Rabat.