CONTINÚAN AS DECLARACIÓNS DOS 19 DE MEIRÁS PERANTE A XUÍZA DE BETANZOS

“Hai que seguir traballando por sacar de Galiza todo resto de franquismo"

Integrantes dos ’19 de Meirás’, declararon esta quinta feira perante a xuíza de Betanzos que instrúe a causa derivada da denuncia contra eles formulada pola familia Franco pola ‘toma simbólica’ do pazo.

A xuíza de Betanzos continuou esta quinta feira tomando declaración aos integrantes dos ´19 de Meirás’, parte dos cales xa declararan o pasado 28 de setembro. A familia Franco acúsao da comisión de catro delitos por un acto simbólico —o despregamento de dúas faixas por cima da fachada do Pazo de Meirás— un día de abertura do inmóbel ao público. Ducias de persoas concentráronse perante o xulgado. Néstor Rego, integrante da Executiva Nacional do BNG e un dos 19 de Meirás, animou ás persoas presentes “a seguir traballando para sacar de Galiza todo resto de franquismo, para que nos devolvan o roubado”.

O 30 de agosto de 2017 un grupo de activistas da memoria histórica, militantes do BNG e da CIG, fixeron acto de presenza no símbolo do franquismo por excelencia no noso país —o Pazo de Meirás, espoliado polo ditador como botín de guerra— para reivindicar a súa restitución ao patrimonio público e o fin do oprobio que significa que o inmóbel continúe nas mans da familia do tirano. Foi un acto que se desenvolveu sen ningún tipo de incidente e que consistiu no despregamento de dúas faixas, co lema Franquismo Nunca Máis, nun día en que pazo e finca estaban abertos ao público.

 

Os activistas foron identificados pola Garda Civil, non opuxeron a máis mínima resistencia e aí parecía que acababa a historia. Mais non. A familia Franco —en concreto a súa filla, xa falecida, e o seu neto José Cristóbal Martínez-Bordiu Franco— e a Fundación que leva o nome do ditador interpuxeron unha denuncia contra os coñecidos como 19 de Meirás pola comisión de catro delitos: violación da morada, danos, delitos contra o honor e de odio. Piden para todos eles un total de 247 anos de prisión e unha multa por medio millón de euros.