Miguel Quiroga Bóveda, profesor: "Hai moito prexuízo en pensar que certa vestimenta é moi feminina para un rapaz"

O profesor Miguel Quiroga con Iria Estévez Junca e Samella Clara Honorato de Moura ademais de alumnas e alumnos nunha das protestas do día 4 de cada mes (IES Johan Carballeira)

A protesta "A roupa non ten xénero" nace como movemento de apoio á agresión sufrida o día 27 de outubro de 2020 por Mikel, un alumno bilbaíno que decidiu acudir ao instituto en saia. No IES Johan Carballeira, en Bueu, un grupo de persoas coordináronse para manter esa reivindicación viva e prolongala no tempo. Cada día 4 convocan alumnado e profesorado para que acudan ao centro en saia como sinal de reivindicación da liberdade de expresión. A actividade está organizada polas alumnas Lía Menduíña Otero, Iria Estévez Juncal, Paula Montejano Otero e Samella Clara Honorato de Moura xunto ao profesor Miguel Quiroga Bóveda. Nesta entrevista contestas todas a un tempo.

Como coñecen o caso de Mikel e que debate abriu no voso centro de ensino?

Estamos moi metidas nas redes sociais e o caso saíu primeiro na plataforma Tik Tok, até o punto de que se fixo viral. A partir dese momento, houbo debate. Logo, en Instagram xurdiu un movemento para apoialo, ao tempo que defendía a eliminación dos roles de xénero, e pasamos a vestir todas e todos saia os días 4 de cada mes. Para organizalo, primeiro falamos entre nós e despois comentámosllo á xefa de estudos.

Non foi tan difícil que se aceptase a nivel de centro. Iso si, houbo alumnado que se opuxo e mesmo tivemos unha contraprotesta. Sempre atopas alguén que non gusta ou non quere. O importante foi o debate que xerou este tema. Levando a saia eses días ou non, falouse moito da cuestión da vestimenta e da identidade de xénero.  

Tamén houbo apoios por parte das familias?

Si. Houbo apoios, sobre todo das nais. Por parte dos pais non o vían mal. Tamén dependía da idades das familias. Houbo casos de pais que subiron fotografías súas con saias ás redes sociais.

A maneira de vestir segue a marcar unha actitude social?

Certo é que as mulleres xa non temos problema co pantalón mais si que o teñen os rapaces coas saias. Tamén hai moito prexuízo en pensar que hai certa vestimenta que é "moi feminina" para un rapaz. Mesmo hai algún medo a falar destes temas para que non se etiqueten nunha orientación sexual concreta polo feito de levar unha ou outra roupa. Non separan a identidade de xénero. Tamén acontece cando un home se coida de máis ou leva maquillaxe, que se compara con sentirse muller ou con ser homosexual, cando non ten nada que ver a túa orientación sexual co que fagas ou como vistas. 

Todas e todos tivemos experiencias. Por exemplo, cando entras nun banco a xente mira como vistes se non levas roupa considerada “normal”. Temos aínda ese estigma na sociedade de ter que vestir de determinada maneira en función de onde esteas. É algo que queremos eliminar. Non es mellor ou peor profesional segundo como vistas. 

A protesta lévase tamén fóra do centro, á rúa? 

Realmente propuxémola para o centro mais pretendemos que a reflexión sobre eses prexuízos chegue ás casas. Non só que se sintan cómodos aquí, na burbulla do centro, senón tamén fóra. Aínda que hai alumnado que vén de casa coa saia posta.

Como se trata nos centros educativos un caso como o de Mikel? 

En caso de ver unha discriminación o profesorado ten a obriga de denuncialo diante do equipo de orientación do centro, que logo estabelece un plan para apoiar esa persoa. O sistema garante, ou debería garantir, a liberdade de expresión, de pensamento e de orientación de toda persoa. Está lexislado. Outra cousa e que ocorran casos como o de Mikel. No noso centro facemos actividades como esta, onde profesorado e alumnado visibilizamos esta temática. Ir xuntas cando hai calquera tipo de agresión para apoiar a persoa que a sufriu. 

É importante que a alumna saiba que hai un grupo de profesorado e de alumnado concienciado. Débense traballar desde os propios centros ese tipo de agresións para corrixilas e que non acontezan.