CIG denuncia acoso da Policía española a un membro da súa Executiva Confederal

O sindicato afirma que “o abuso” sufrido por esta persoa, “moi activo na defensa dos dereitos e liberdade civís”, non é casual.

CIG denunciou publicamente o acoso por parte de axentes da policía española a un membro da súa Executiva Confederal, a quen trataron “de maneira abusiva e retiveron inxustificadamente xunto ao seu vehículo”. O sindicato considera que  “o abuso” sufrido por este compañeiro (“moi activo na defensa dos dereitos e liberdade civís”) non é casual, senón que se trata, afirma, dunha persecución contra a súa persoa e o sindicato que representa.

 

CIG anuncia que vai denunciar os feitos. “Tiveron lugar nas inmediacións do Hospital Clínico de Santiago, onde o sindicalista acudira a encontrarse cunha membro da Executiva Comarcal da CIG e delegada da CIG-Saúde”. Finalizada a xuntanza e cando ía chegar ao seu vehículo “unha patrulla da policía nacional que pasaba naquel momento pola zona detívose de súpeto e dirixiuse a el para comunicarlle que o ían propor para sanción de tráfico”. A pesar de carecer de competencias nesta materia, indica o sindicato, os axentes insistiron en comprobar a ITV e o seguro do coche, “mantendo en todo momento unha actitude soberbia e de prepotencia”. Resulta rechamante, explica a central, que a única persoa á que se dirixiran fora ao representante da CIG cando nos arredores do hospital había ducias de vehículos en dobre fila e mesmo estacionados enriba das beirarrúas”.

 

Os policías responderon entón con agresividade, tirándolle o teléfono, retorcéndolle o brazo e tirándoo no chan

 

O sindicalista díxolle aos axentes que o estaban a acosar, ante o que un deles contestou: “deja de montar numeritos...que te conozco bien!!!”. Ante esa resposta, o sindicalista informou os axentes que ía gravar a conversa co seu móbil. Os policías responderon entón “con agresividade, tirándolle o teléfono, retorcéndolle o brazo e tirándoo no chan. Ademais, retivérono á beira do seu coche de maneira inxustificada por un amplo espazo de tempo, no que rexistraron o vehículo e dedicáronse a ler documentación interna da CIG que se encontraba no mesmo”.

 

A CIG rexeita este acoso e comportamento intimidatorio por parte da policía nacional e reclama á Subdelegación do Goberno que se abra unha investigación para depurar as responsabilidades pertinentes.