“Habla español, imbécil”: insultos, descualificacións físicas e ameazas ao portavoz do BNG en Vigo

Mensaxes vexatorias dirixidas ao portavoz do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas. (Foto: Nós Diario)

Xabier P. Igrexas denuncia insultos nas súas redes sociais

“Pola foto do teu perfil xa vexo que desgraciadamente fáltanche unhas poucas ferveduras”, “Por esto no es buena la endogamia”, “¿Por qué los que escribís estas gilipolleces sois siempre tan disgénicos?” ou “Paisano, a ver si empiezas por hacer un poco de deporte tú” son algúns dos insultos, descuafilicacións físicas e ameazas dirixidas ao portavoz do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Logo de que o nacionalista publicara na súa conta persoal da rede social X unha mensaxe contra o “furor rojigualdo” “en formato deportivo” (co gallo da vitoria no mundial da selección española feminina de fútbol), Igrexas foi albo de insultos e vexacións, en moitos dos casos comentando o seu aspecto físico.

Así o denunciou o propio Igrexas na mesma rede, que sinalou un “odio españolista” cara a súa persoa, en relación a que unha parte dos perfís que proferiron os insultos mostraban iconas da bandeira española nos seus nomes.  “Son ‘patriotas’ de pel fina. Imperialistas fracasados”, afirmou o portavoz nacionalista.

Gordofobia

Os insultos recibidos por Igrexas nos últimos días súmanse aos que o nacionalista recibe con frecuencia polo seu aspecto físico. Hai pouco máis dun mes, Igrexas afirmaba que “non hai semana en que non teña que ler chíos ou comentarios en redes [...] sobre o meu aspecto físico”.

“Persoalmente nin me molestan, nin me afectan, en NADA. Pero é moi preocupante como síntoma de até que punto está a se xeneralizar a gordofobia, e sobre todo polo impacto que este tipo de actitudes e comportamentos pode ter na saúde mental das persoas obesas e daquelas cuxos corpos non encaixan nos estándares e no aumento de trastornos alimentares”, engadía.