A Universidade da ONU premia un proxecto educativo galego sobre os impactos da minaría

O proxecto A mina contamina entre os 6 máis innovadores do mundo en educación para a sustentabilidade. 

A Universidade das Nacións Unidas, con sede en Toquio, decidiu distinguir unha iniciativa de sensibilización e educación ambiental galega como “Proxecto Insignia Extraordinario” (Outstanding Flagship Project) na 8ª edición dos seus Premios RCE para proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel, que recoñecen as mellores iniciativas pedagóxicas a nivel mundial neste ámbito.

Trátase do proxecto A mina contamina, impulsado este ano polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e a Fundación Montescola e que inclúe o documentario “San Finx 1960” dirixido por Irene Pin, un libro infantil ilustrado por Lucía R. Cao e unha serie de unidades didácticas e materiais pedagóxicos. Este proxecto procura sensibilizar sobre os conflitos e impactos ambientais e socioeconómicos asociados ao extrativismo mineiro. Os materiais utilizaron como exemplo ilustrativo o polémico complexo mineiro San Finx en Lousame.

A xurado do Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas escolleu A mina contamina como gañador na categoría de proxectos que contribúen para o Obxectivo do Desenvolvemento Sustentábel.

O proxecto foi ademais un dos seis proxectos de todo o mundo que alcanzaron a máxima categoría de “Proxecto Insignia Extraordinario”, reservado para as propostas máis innovadoras e mellor fundamentadas desde o punto de vista pedagóxico e científico.