Haberá retirada das máscaras nos colexios en marzo?

Alumnado do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
O Execeutivo galego tamén insistirá na comisión de saúde pública na redución das corentenas a cinco días.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apuntou que a mediados de marzo completarase a segunda dose para a poboación menor de 12 anos que pode acceder a ela (as persoas que se contaxiaron despois da primeira dose teñen que esperar oito semanas desde entón). Será nese momento cando se exporá a revisión das máscaras nos patios dos colexios.

Como explicou en declaracións aos medios este onte, Comesaña lembrou que a campaña de vacinación está a avanzar coas terceiras doses aos maiores de 18 anos e as segundas aos menores de 12, que tiñan unha temporalidade entre vacinas de oito semanas. En primeira dose, o 83% dos menores dese tramo de idade xa teñen a picada.

"Cando terminemos a segunda dose, poderemos expornos, como xa anunciamos, nun contexto de máis seguridade, medidas no ámbito educativo", remarcou,  Comesaña, en referencia á máscara nos patios dos colexios, que a Xunta segue recomendando ao considerar ese espazo como de "aglomeracións", aínda que recoñece que non todos os patios de colexios son iguais (de feito os protocolos estabelecidos manexan cintas de separación por liñas de curso, entradas graduadas e por portas diferentes, entre outras medidas).

"A Xunta, asesorada polo comité clínico, consideramos conveniente considerar os patios de colexio lugar con aglomeracións. Xa dixemos en distintas ocasións que hai diferentes patios de colexio, efectivamente, e nalgúns pode ser menos certo e noutros máis certo", sinalou Comesaña, que insistiu en "manter a prudencia e a recomendación nos patios".

"En canto teñamos un número razoábel, o lóxico, se non hai mudanzas, é que podamos alixeirar (as medidas) nos patios sen descartar outras", sentenciou Comesaña, que confirmou que por volta do 15 de febreiro finalizarase a segunda fase de vacinación aos menores de 12 anos ata os 5 (descartando os que se contaxiaron).

Corentenas

O titular de Sanidade confirmou que no seo da comisión de saúde pública, que é o foro no que se teñen que abordar este tipo de cuestións, a Xunta defende "a súa proposta" de "normalizar cada vez máis" a pandemia e "convivir na vida ordinaria con esta situación".

En canto a un posíbel fechamento dos centros de vacinación masivos,  Comesaña lembrou que aínda está a campaña da terceira dose, condicionado aos cinco meses desde a segunda, e que unha vez termine o reforzo, abrirase "outro escenario diferente" no que é posíbel que a vacinación se leve a cabo "máis no ámbito hospitalario".