Haberá cuarta dose da vacina da Covid en menores de 80 anos?

A eficacia dunha cuarta dose da vacina contra a Covid nas persoas menores de 80 anos está a ser investigada. (Foto: Ole Spata / dpa)
Repasamos as opinións vertidas polos responsábeis da Consellaría de Sanidade e da Axencia Europea do Medicamento sobre a posibilidade dunha cuarta dose da vacina da Covid en menores de 80 anos.

O conselleiro galego de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asegurou que a campaña da cuarta dose da vacina da Covid realizarase en "outono-inverno" para a poboación xeral.

Comesaña sinalou que espera que nese momento as vacinas xa teñan as dúas variantes habituais, a orixinal e a ómicron. Así, afirmou que esas datas serán "o escenario máis adecuado" para administrar esa cuarta dose.

Así mesmo, nunha entrevista na Radio Galega, García Comesaña subliñou que a Xunta da Galiza xa expuxo a conveniencia de que os maiores de 80 anos reciban a cuarta dose da vacina fronte á Covid.

Así, demandou á Comisión de saúde pública e ao Relatorio de vacinas que se pronuncien sobre este tema. A pesar disto, aínda que o conselleiro asegurou que esperarán á decisión do foro, insistiu en que a postura da Xunta é "clara e de non esperar máis" porque observan unha diminución da protección.

Para o colectivo de maiores de 80 anos, Comesaña detallou que a intención é que, en canto se aprobe, sexa administrada nos centros de saúde, como xa se fixo nas anteriores doses para este grupo de idade.

Comesaña recoñeceu que as cifras de casos activos e de incidencia acumulada de Covid na Galiza son "altas e malas", a 14 días de case 1.300 e a 7 días de 648. Ademais, destacou que 68,66% das persoas ingresadas na Galiza con esta patoloxía estano "con Covid", pero non "a causa da Covid". Así, concretou que "só 31%" está ingresado por motivos de Covid".

Por outra parte, cuestionado sobre se Sanidade ten planeada unha regresión respecto ao uso das máscaras en interiores, Comesaña apuntou que na Galiza seguen recomendándose mais, "ante unha situación estábel", asegurou que non contempla esa regresión á obrigatoriedade.

Vacinas adaptadas

O xefe de Estratexia de Ameazas Sanitarias Biolóxicas e Vacinas da Axencia Europea do Medicamento (EMA), Marco Cavalieri, adiantou en rolda de prensa a finais da pasada semana que o organismo prevé aprobar as vacinas contra a Covid adaptadas a Ómicron e outras variantes en setembro.

"A nosa prioridade é garantir que as vacinas contra a Covid adaptadas se aproben como moi tarde en setembro, para que estean listas para o despregamento das novas campañas de vacinación na Unión Europea no outono. Isto permitiría aos fabricantes axustar as súas liñas de produción en consecuencia", precisou o membro da EMA. "Os ensaios clínicos das vacinas adaptadas deben demostrar que son superiores ás actuais vacinas autorizadas de Covid contra Ómicron e outras variantes", engadiu.

A EMA anunciou a conveniencia da aprobación dun segundo reforzo da vacina contra a Covid en poboación maior de 80 anos. "É demasiado pronto para considerar o uso dunha cuarta dose, ou dun segundo reforzo das vacinas de ARNm na poboación xeral; con todo, as persoas maiores de 80 anos poderían beneficiarse dun segundo reforzo, dado o maior risco de Covid grave para eles", avanzou Cavalieri.

As candidatas a desenvolver as vacinas

Cavalieri desvelou que as principais candidatas para estas vacinas adaptadas son as dos laboratorios de Moderna e Pfizer/BioNTech. "Estamos a traballar con todos os fabricantes das vacinas que están actualmente aprobadas, pero non é ningún misterio que as vacinas de ARNm están bastante máis adiantadas na carreira, e esta é a razón pola que estamos a traballar principalmente con Moderna e Pfizer/BioNTech", aclarou.