Guía para regresar ao centro xeográfico da Galiza

Membros do Instituto de Estudos Ulloáns na localización definitiva do Centro Xeográfico da Galiza. (Foto: IEU)
Despois de anos de incerteza, no verán de 2004, Galiza por fin puido coñecer o seu centro xeográfico. Desde o Instituto Xeográfico Nacional calculouse este punto, popularmente localizado en Lalín.

Durante anos, concellos como Lalín ou Chantada encerelláronse nunha loita por ser o centro da Galiza, pero o tempo e as tecnoloxías quitáronlles a razón. Historicamente achácase o centro xeográfico do país ao concello de Lalín, o cal chegou incluso a promocionar como o quilómetro 0 da Galiza. Durante a Guerra da Independencia, ordenouse desde a 'Junta Central' realizar a medición do centro de España a un matemático, o que levou os habitantes da Galiza a preguntarse o mesmo.

Algo semellante sucedeu con Chantada, debido ao seu céntrico lugar no territorio galego. Leopoldo de Soto, banqueiro no municipio, viu unha oportunidade. El foi o creador do slogan "Chantada, o corazón de Galicia" e viu nesta particularidade xeográfica unha grande ocasión para promover o turismo. Ambos os dous concellos contan coa patente dos seus slogans.

Cálculos para chegar ao centro

O punto central da Galiza encóntrase nas coordenadas xeográficas 7º 54’ 38,99’’ O e 42º 45’ 25,15’’ N. Para chegar a estas coordenadas é necesario realizar unha serie de cálculos matemáticos, os cales se levan a cabo tendo en conta variábeis como a extensión do territorio ou a forma da Terra.

Con respecto a estas dúas variábeis utilizadas existe un pouco de controversia; por un lado, que extensión de territorio galego debe de tomarse como referencia, se corresponde aos límites administrativos ou só a parte continental. No caso da forma da Terra, a controversia vén pola forma en xeoide que ten. Un xeoide non é unha esfera perfecta, senón que se consideran as variacións na intensidade da gravidade para crear un modelo da superficie —océanos incluídos—.

Nin Lalín, nin Chantada: Antas

As coordenadas antes mencionadas encóntranse en Nugallás, parroquia de San Fiz de Amarante, no concello de Antas de Ulla, na comarca da Ulloa. Os seus habitantes poden dicir que son o centro da Galiza e mesmo asegurar que este centro ten dono, xa que a sorte quixo que este punto caera nunha parcela particular. Para encontrar este punto deberemos de contar cun GPS e seguir as súas indicacións até situarnos ao carón dunha leira galega.

Coa declaración deste punto como centro xeográfico galego, a Deputación de Lugo decidiu comprar esta e outras parcelas que se encontran ao redor para crear un parque, o Parque Central da Galiza. Este espazo nace coa idea de aumentar o interese turístico na comarca da Ulloa, dinamizando así en certa medida a comarca e o concello.

Perda de poboación

Outros dos obxectivos que ten este parque é xerar emprego, para así frear o éxodo rural vivido nas comarcas do interior de Galiza. A comarca da Ulloa conta cun total de 8.815 habitantes, dos cales 1.933 son do concello de Antas de Ulla.

Aproximándonos ao centro xeográfico da Galiza, podemos apreciar unha paulatina diminución da poboación, tendo as entidades singulares próximas entre 10 e 20 habitantes como máximo. Tendo en conta estes datos, vemos con claridade que a fuga de habitantes é alarmante, perdendo entre o 2011 e o 2021 a metade da poboación. A parroquia na que se atopa o centro apenas conta con 67 habitantes na actualidade, cunha idade media superior aos 60 anos. Coa creación do parque pretenden sumar postos de traballo e frear a saída de persoas en idade de traballar.