Chaman a protestar na Toxa contra o ex primeiro ministro de Israel Ehud Olmert, responsábel do asasinato de 1.400 gazatís
Os organizadores da marcha atribúen ao ex mandatario israelí a operación 'Chumbo Fundido', que matou arredor de 1.400 persoas palestinas en 22 días.
A Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina anunciou esta terza feira que, ademais da mobilización o 5 de outubro en Compostela, tamén está convocada unha protesta contra a presenza do ex primeiro ministro de Israel Ehud Olmert no 'Foro La Toja' o sábado 4, na Illa da Toxa, no Grove (O Salnés).
"Esta protesta está convocada porque é unha terríbel provocación convidar a unha persoa que foi parte deste proxecto sionista", criticou Ánxela Gippini, que forma parte da organización do movemento a través da entidade Galiza por Palestina.
Segundo detallaron os organizadores en rolda de prensa na capital galega, esta manifestación está prevista para iniciar ás 10.30 horas na rúa Castelao, seguindo até o Gran Hotel A Toxa, que acolle o foro. Cada ano, o encontro reúne líderes políticos, académicos, empresarios e outras personalidades.
"O obxectivo é concentrarse alí e facer visíbel a repulsa [...]. O ánimo que leva a isto é o mesmo que levou á mobilización na Volta ciclista contra aquel equipo que veu facer un lavado de cara do réxime terrorista de Israel", afirmou Óscar Valadares, representante da organización Mar de Lumes.
Operación 'Chumbo Fundido'
Tal e como afirmou Gippini, esta "repulsa" mencionada por Valadares cara ao ex primeiro ministro débese á súa actuación cando foi mandatario de Israel, entre os anos 2006 e 2009.
"Queremos lembrar que, cando el era primeiro ministro, foi responsábel —entre outros crimes de guerra— da operación 'Chumbo Fundido', que implicou 22 días consecutivos de bombardeos en Gaza", argumentou a representante de Galiza por Palestina.
Durante a operación 'Chumbo Fundido', lanzada entre o 27 de decembro de 2008 e o 18 de xaneiro de 2009, ao redor de 1.400 persoas palestinas morreron na Faixa de Gaza a mans do Exército israelí.
Aliás, o palestino Sami Ashour, integrante da Asociación Galaico-Árabe Jenin, que representa a comunidade palestina na Galiza, tamén censurou a presenza de Ehud Olmert ao subliñar que o ex primeiro ministro israelí "non está a favor de Palestina".
"A única diferenza é que Olmer cre que este xenocidio e esta barbarie que está a cometer Israel contra o pobo palestino é un perigo para o Estado israelí. Non é que estea a favor de Palestina nin a favor de dar dereitos aos palestinos", recalcou Ashour.