Grupos ecoloxistas alertan da falta de protección das Zonas Húmidas

Braña de Valadares (Foto: Ecoloxistas en Acción).
Adega e Ecoloxistas en Acción piden máis protección para os espazos de riqueza ambiental, aínda sen catalogar.

A protección das zonas húmidas na Galiza preocupa ás organizacións ecoloxistas. Desde a aprobación pola Xunta durante o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG (2005-2009) do Decreto 127/2008, que incorporaba cinco zonas húmidas declaradas polo Estado español na Galiza, só se introduciu unha máis: o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

A mesma norma, creaba tamén o Inventario de Zonas Húmidas da Galiza (IHG) que, en base ao traballo realizado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), sinala que existen algo máis de 1.100 zonas húmidas no país.

Adega quere que se  incorpore todo o catálogo

Para a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a actual situación é unha “anomalía administrativa”. Indican que mentres non se aumentou a protección destes espazos “todo tipo de infraestruturas e intervencións sobre o territorio, incluídas ducias de parques eólicos e centos de plantacións de eucaliptos, ocuparon e degradaron numerosas zonas húmidas, aproveitando este intencionado baleiro legal”.

Desde o seu punto de vista, a Administración galega “debería de incorporar como zonas protexidas o conxunto das zonas húmidas inventariados no catálogo do Ibader desde o 2003”. Esta organización conclúe que “toda zona húmida é un tesouro que hai que protexer, porque literalmente nela vainos a vida”.

Campaña de Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas en Acción vén de presentar unha campaña coa que pretende concienciar sobre a importancia das zonas húmidas e as agresións ambientais que sofren estas zonas de tan alto valor ecosistémico.

A campaña da organización ecoloxista consiste na avaliación e catalogación de diversas zonas húmidas en toda a Galiza para solicitar a súa inclusión no IGH como paso previo a unha declaración de zona protexida. 

O voceiro de Ecoloxistas en Acción, Roberto Vilela, explica que decidiron ampliar ese inventario para iniciar a súa protección. “Decidimos buscar outros espazos destas características, sabemos que na Galiza hai moitos que están en risco pola proximidade de prospeccións mineiras, plantacións de eucaliptos e mesmo en zonas que figuran en proxectos eólicos”, sinala a Nós Diario. Vilela engade o problema “do cambio climático, cada vez máis presente e que afecta a estes espazos”. 

Por este motivo comezou a realización dun catálogo que constará de catro fases, cada unha delas enmarcada dentro da súa situación provincial.

Agora presentan a da Coruña na que sitúan como espazos a protexer as Brañas do Ceo (Aranga, Curtis e Oza Cesuras), as Brañas de Valadares e Banzas (Outes), as Brañas da Serra (Santa Comba e Coristanco), as Brañas do Monte Inxerio (Ordes), as Brañas da Calzada (Zas), as Brañas do Espindro (Laracha), e as Brañas do Torreiro (Culleredo e Cerceda). 

"É esencial garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos como os humidais, e proceder a restaurar as funcións ecolóxicas e os servizos ecosistémicos daqueles que foron degradados polas accións antrópicas como plantíos forestais, agricultura intensiva, instalación de parques eólicos ou  explotación de minas", conclúe o voceiro de Ecoloxistas en Acción.