O Grupo Nove incorpora tres novas cociñeiras

María Varela é unha das tres novas cocicñeiras do Grupo Nove (Foto: Nós Diario).
Son Daniel López, María Varela e Caco Agrasar. A agrupación de ccociñeiras e cociñeiros galegos suma 24 membros, entre os cales figuran nove restaurantes con estrela Michelín e 26 soles Repsol

Os cociñeiros e cociñeiras Nove decidiron incorporar ao grupo a Daniel López, María Varela e Caco Agrasar. Os novos membros únense a  Nove "orgullosos e motivados" por comezar a pertencer a unha agrupación gastronómica que é "un referente na Galiza e que amosa a nivel internacional a cociña da terra".

Caco Agrasar entra en Nove da man de As Garzas, restaurante que herdou dos seus pais no 2002 e no que actualmente tamén está intervindo o seu fillo. Un proxecto que xa vai pola terceira xeración e cuxa cociña en evolución, baseada no recetario tradional e nos  produtos da zona de Malpica, onde está situado, faille ostentar unha estrela Michelín desde o ano 2010.

A de María Varela é unha aposta polo rural, pola natureza e polos pequenos produtores asentados na comarca de A Ulloa, o lugar no que A Parada das Bestas, ademáis de aloxamento, ofrece unha cociña sinxela na que o queixo con denominación de orixe, as carnes, os galos de Mos e a horta propia son os protagonistas.

A tan só uns meses de facer os 10 anos, O Camiño do Inglés, que conta co distintivo Bib Gourmand, é a carta de presentación de Daniel López, un cociñeiro que en tempos de crise apostou pola gastronomía na cidade de Ferrol e que nos últimos anos foi quen de facer que a súa cociña de mercado fose evolucionando e manténdose fiel a súa filosofía: facer pratos baseándose nos produtos da terra e no recetario galego e foráneo que conten pequenas historias e que teñan conexión co territorio.

Estes tres novos membros pasan a formar parte de Nove xunto con Lucía Freitas, Pepe Vieira, Rafa Centeno, Iván Domínguez, Pepe Solla, Iñaki Bretal, Héctor López, Javier Olleros, Beatriz Sotelo, Daniel Guzmán, Julio Sotomayor, Manuel Costiña, Antonio Botana, Yayo Daporta, Roberto Filgueira, Juan Crujeiras, Alberto G. Prelcic, Álvaro Villasante, Miguel A. Campos, Javier González e Javier Rodríguez “Taky”.

Os novos membros serán presentados a través da conta de Instagram do grupo (@gruponovecocina) . Ao longo da semana que vén, do 11 ao  17, Javier Olleros, Héctor López e Iván Domínguez actuarán como padriños e charlarán a través dos directos do instagram do grupo cos novos membros. Iranse anunciando as datas e horas definitivas no perfil de Instagram de Nove.