A Consellaría de Sanidade anunciou esta mañá que vén de detectar un abrocho entre o persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), onde habería de momento cinco casos positivos por coronavirus. Ademais, hai outro gromo activo con oito empregadas e empregados no Hospital Público de Verín.
Os gromos, aclararon fontes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, correspóndense nos dous casos con persoal das unidades de hospitalización destes centros.
Unha vez que se tivo coñecemento dos casos entrou en funcionamento o protocolo de seguemento e illamento de contactos de risco entre o persoal e as e os pacientes das dúas unidades.
Nestas áreas dos hospitais "bloqueáronse os accesos e visitas este martes" co obxectivo de que os contaxios non continúen.
Atendendo ás instrucións do Servizo de Medicina Preventiva e da Unidade de Saúde Laboral, as e os 13 sanitarios atópanse en corentena.
Cinco deles son do hospital de Ourense mentres que outros oito estaban a atender a enfermas e enfermos en Verín.
Neste contexto, mantéñense os estudos para determinar "a orixe e o alcance dos focos". Cando menos así o confirmaron desde a área sanitaria afectada.